A xustiza anula o nomeamento do director xeral de IA no Concello de Ourense

Certifica de novo segundo o BNG, “a vulneración constante dos procedementos por parte do goberno Jácome”

Ourense | No día de hoxe coñeceuse a sentenza ditada polo titular do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense na que anula o nomeamento de Juan Carlos Fernández Fasero como director xeral de Intelixencia Artificial do Concello de Ourense ao entender que tanto as bases como o nomeamento, son nulos de pleno dereito.

Desde o grupo municipal do BNG valoran positivamente o fallo xa que, segundo o portavoz municipal Luís Seara, “xa durante o proceso selectivo e logo co nomeamento, advertimos que o que se estaba facendo era un traxe á medida dunha persoa concreta, neste caso dun íntimo amigo de Jácome e ademais fundador e ex-tesoureiro de Democracia Ourensana.

“A sentenza ratifica o denunciado publicamente polo BNG no seu día. Creouse un Centro de Intelixencia Artificial que resultou ser un burato negro en canto a contratacións e perda de cartos públicos e onde Jácome pretendeu situar a un íntimo amigo seu a razón de 60.000 euros ao ano e a través dun proceso selectivo trufado de irregulariedades desde o principio”.

O BNG vai máis alá e vincula esta sentenza, así como as anteriores relativas á anulación do capítulo I do Orzamento prorrogado de 2020 ou as que condenan ao Alcalde por acoso até en dúas ocasións, “a un xeito de entender a política e a xestión pública totalmente contraria ao respecto aos procedementos legalmente establecidos. Convocando e creando prazas públicas a medida dos seus amigos e sumindo á institución nun caos organizativo e de funcionamento sen precedentes”. Seara reitera que o problema é que “Jácome xestiona o Concello como se fose Jolper e as consecuencias ímolas pagar entre todas e todos pois unha vez máis o Concello é condenado ao pagamento das costas, desta volta 700 euros aos que temos que engadir os 30.000 euros da sentenza por acoso á Intendente da Policía Local ou os 15.000 euros da sentenza por acoso ao Interventor”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.