Quero deixar claro a miña admiración por moitos dos traballadores e traballadoras do Estado que fan o seu traballo o mellor que poden, así como por xuíces honest@s, coñecid@s ou non. Pero o certo é que o Estado combate aos seus oponentes polític@s legal e ILEGALMENTE, convertindo os dereitos que se recollen na Constitución -filla e herdeira do franquismo- en papel mollado, co apoio e complicidade dun Poder Xudicial demasiadas veces arbitrario, partidista e corrupto. Ademais de machista, antigalego e ferozmente antinacionalista. No conflito vasco -que felizmente toma outros derroteiros- o Estado incumpriu de forma moi grave a súa propia legalidade, como tod@s sabemos. E no conflito catalán o Estado tamén actúa ao marxe da Lei e da Constitución, coa cobertura mediática duns medios de comunicación manipuladores e xeralmente faltos de ética e de profesionalidade. Hai algún crime que non cometera o españolismo masivamente, en defensa do Imperio ou da sacrosanta unidade de España? Se respectasen ao adversari@, se fosen verdadeiramente demócratas (e non só de palabra) non recurrirían á forza e negociarían a tempo, buscando unha solución política a un problema político e non de orde pública nin xudicial. Sacrificarían a súa arrogancia e intolerancia e gañarían bastante.
Que obriga pode ter un traballador/ora do Estado ao que acosan e humillan por pretender exercer os seus dereitos? Ao que non se lle permite amosar afecto polo seu país, polo seu idioma e a súa cultura; ao que non se lle consinte facer labor sindical nin oposición democrática á política oficial? Ningunha. O Estado non acepta disidencias e combáteas legal e ILEGALMENTE, polo que non ten credibilidade e convertiu a Constitución -que nunca me gustou- en papel mollado. Eu -como tanta outra xente- na medida das miñas posibilidades, procurei darlle contido e espírito a esas letras; pero é imposíbel porque o franquismo sigue instalado nas institucións e o españolismo imprégnao todo. Os meus mellores desexos ás novas xeneracións de funcionarios/as galeg@s, aínda que xa volo advirto: o Estado vaivos oprimir – moitas veces sutilmente- por falar ou escribir no noso idioma ou por pretender exercer os vosos dereitos. Aínda así, facédeo; porque vos sentiredes moito mellor. Igual tedes un xefe fascista ou torturador (son cousas que pasan nesta democracia). Resistir é o correcto e, ao final -por mal que o pases- compensa.
O benestar da sociedade e a xustiza social son valores aos que non debemos ser alleos nin tampouco facer ouvidos xordos ao clamor popular, porque entre tod@s podemos e debemos construír unha Galiza e un mundo mellores.