Cadernos da viaxe.
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) é o supremo intérprete da Convención Europea de Dereitos Fundamentais (subscrita polos 47 Estados membros do Consello de Europa) e, xa que logo, ao abeiro do artigo 10.2 da Constitución é a derradeira instancia xudicial española neste eido, con capacidade de corrixir mesmo ao Tribunal Constitucional.
Pois ben, o TEDH, como xa fixera noutras ocasións e como fixo no seu día o Tribunal Supremo USA (Texas vs Johnson, 1989 nunha sentenza na que mesmo manifestou que queimar a bandeira USA estaba abeirada na First Amendment da Constitución americana) ven de confirmar que a ofensa verbal á bandeira española non constitúe delicto ningún, senón que é unha manifestación da liberdade de expresión que abeiran a devandita Convención europea.e a Constitución.
Os feitos ocorriron o 30 de outubro de 2014, no exercicio do dereito de libre manifestación pola CIG (sindicato maioritario no noso país) no Arsenal Naval de Ferrol na defensa dos dereitos laborais das persoas traballadoras da contrata que desenvolvía na altura o servizo público da limpeza do dique dese Arsenal. É dicir, nun contexto de exercicio cualificado do dereito á libre expresión e á protesta pacífica, como avalia agora o TEDH. O Almirante do Arsenal denunciou ao sindicalista Paulo Fragoso Dacosta por ter manifestado, megáfono en mán “aquí tedes o silencio da puta bandeira” e “hai que lle prender lume á ùta bandeira”.
“Os feitos ocorriron o 30 de outubro de 2014, no exercicio do dereito de libre manifestación pola CIG (…) no Arsenal Naval de Ferrol na defensa dos dereitos laborais”
O Xulgado do Penal condenou Fragoso á pena de multa de 1.260 € con pena de cárcere substitutoria no caso de falla de pagamento, pena que foi confirmada pola Audiencia da Coruña. Fragoso recorreu en amparo perante o Tribunal Constitucional que rexeitou o seu recurso por seis votos contra cinco logo de desbotar un relatorio do maxistrado conservador Andrés Ollero no que escribía o que declarou agora o TEDH: que condenar polo delicto de aldraxes á bandeira nestas circunstancias era desaquelado e vulneraba o dereito á liberdade de expresión do cidadán Fragoso Dacosta.
Agora o Estado español haberá devolver a devandita multa ao recorrente e indemnizalo con 6.000 € por danos morais. Mais a reacción pública habería ir máis aló. Habería de derrogar esta caste de delictos (aldraxes á bandeira, inxurias ao Xefe de Estado…) que son alleas ao Dereito das democracias occidentais, tanto coa doutrina da xustiza europea como coa da norteamericana.
Esta nova derrota internacional do Estado español, despois da sofrida pola suspensión nos dereitos do president Puigdemont como deputado de Catalunya acordada polo Tribunal Supremo español no 2018, anticipa outras que veremos nos vindeiros meses tanto no propio TEDH como no Tribunal de Xustiza da Unión Europea e fai evidente que nos altos tribunais e institucións españolas é moito máis importante unha idea caduca da España única que o respecto pola liberdade e pola legalidade consagradas por esa Constitución coa que seguido enchen a boca.