Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, deu a coñecer a campaña promocional da XVIII edición da Feira Medieval de Monforte, que se celebrará os vindeiros 16 e 17 de abril, dando a coñecer o deseño do cartel e do vídeo oficiais do que é un dos eventos máis importantes do calendario anual do Concello. O alcalde anunciou o desenvolvemento dunha campaña de promoción “igual de intensa que a que fixemos no ano 2019 para que a xente poida incluír a Feira Medieval dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, que veñan a Monforte”, campaña que se sustentará nos dous elementos antes mencionados.
Cartel oficial
O cartel da XVIII edición da Feira Medieval de Monforte, foi deseñado polo monfortino José Antonio Quiroga. No seu deseño conxuga varios elementos que para o Equipo de Goberno son claramente centrais da feira, como a TAU, ou a Porta Nova da Muralla Medieval.
E ademais, incorpora a presenza dunha figura feminina, “unha muller que transmite toda a forza e valentía coa que volvemos a recuperar esta Feira Medieval, e que conecta cos actos que estamos celebrando arredor do 8M Día Internacional da Muller”, explicou o rexedor monfortino.
O vídeo
Co vídeo promocional “queremos celebrar a volta da Feira Medieval e celebrar un anaco desa normalidade que se nos arrebatou fai xa un par de anos. Dende o Concello entendemos que celebrar a vida, celebrar a Feira é o que toca agora, porque tal e como destaca o audiovisual “toca vibrar como lume da noite a arder xuntos”, subliñou José Tomé. A proposta audiovisual é unha peza producida por Amanita Studio, empresa monfortina, e conta coa voz da poetisa de Salcedo (A Pobra do Brollón) Noa Moreira e a banda sonora do compositor monfortino Fabio González.
“A nosa proposta”, explicou o alcalde, “céntrase nunha música melódica que acompaña en todo momento esa sensación de calidez que quixemos acadar co vídeo. A música emociona de moitas maneiras diferentes e este ano quixemos que fora un acompañamento sensorial e emotivo que viaxara co espectador durante todo o vídeo, para facer que entrase nunha especie de trance armonioso. A voz da poetisa Noa Moreira, co seu ton solemne pero afable, axuda a crear esa sensación e a introducirnos na Feira Medieval”.
Un vídeo no que os protagonistas son os monfortinos e monfortinas que participaron en pasadas edicións da Feira, polo que esta é “unha proposta adicada ás persoas, que son a esperanza nestes duros momentos, e que son a razón principal pola que cada ano melloramos a Feira Medieval e a convertemos nunha das celebracións máis esperadas do ano, tanto en Monforte como na Ribeira Sacra”.
O alcalde anunciou a súa circulación polas redes sociais e a páxina web do Concello, a súa proxección no MUPI da rúa Cardenal, así como en diferentes soportes dixitais, para acadar a máxima difusión posible deste evento. O vídeo pódese ver en: https://youtu.be/jGWBGvGUmhU
Feira Medieval
José Tomé tamén explicou que o equipo de goberno leva tempo xa preparando esta edición de recuperación da Feira Medieval, mantendo contactos e reunións preparatorias con asociacións culturais e colectivos, comerciantes, artesáns e hostaleiros, para coa axuda de todos eles ir compoñendo o programa.
“Boa mostra de que o traballo de promoción que vimos facendo da bos resultados é que temos máis de 100 solicitudes, 103 en concreto, para a instalación de postos, o que supón un número moi alto en relación con outros eventos doutras cidades en época de post-pandemia” destacou o alcalde. “Isto pon de manifesto que a Feira Medieval de Monforte sigue sendo un referente dentro do calendario de eventos de Galicia, que interesa participar nela e que polo tanto, estou seguro de que se seguirá consolidando cada vez máis”.
O alcalde concluíu a súa intervención destacando que “tal e como me comprometín dende principios de ano, seguimos traballando para recuperar a normalidade en Monforte de Lemos, e para volver a celebrar con todo o seu esplendor a nosa Feira Medieval, que tamén vai supoñer unha importante inxección económica para a nosa hostalería, o noso comercio e o noso turismo”. E tamén anunciou que “con esta edición xa só quedan días para acadar as 20 edicións para que se recoñeza a condición de Feira de Interese Turístico de Galicia”.