O Porriño | O Festival de Cans, que celebrará a súa XXI edición do 21 ao 25 de maio de 2024, abrirá desde este mércores a convocatoria para poder acceder á súa competición oficial. Todas aquelas autoras e autores que o desexen poderán enviar as súas obras a concurso para participar nas diferentes categorías competitivas do certame, que este ano aumentará a dotación adicada a premios ata rondar os 12.000 euros.
En concreto serán 11.900 euros, que se destinarán a recompensar as curtas premiadas nas diversas categorías, todas con dotación económica, ademáis de diversas aportacións económicas engadidas. Nesta edición, cada obra que reciba o Premio do Xurado nasas categorías de Ficción e Animación e Furacáns (non ficción), así como o Premio do Público, recibirán unha dotación engadida de 300 euros cada unha, en concepto de dereitos de difusión da súa obra no ciclo Cinemaldea. Do mesmo xeito, o premio á mellor dirección de fotografía levará 1.000 euros engadidos canxeables por material profesional de rodaxe na empresa RC Service.
As autoras e autores poderán inscribir as súas obras de xeito gratuito na web do Festival de Cans e terán de data límite para facelo ata o 3 de marzo de 2024. Poderán inscribir curtametraxes nas categorías de ficción, animación, non ficción, coñecida como Furacáns, e Novas Camadas, destinada a impulsar ás creadoras e creadores menores de 25 anos, e destinada a visibilizar as obras de novas e novos cineastas xurdidos de escolas de cine e diversas universidades.
Tamén se poderán inscribir videoclips para a competición oficial nesta categoría e longametraxes e outro tipo de obras, que completarán a programación nas diferentes seccións paralelas. Todas as obras deberán ter sido realizadas do ano 2023 en diante e darase preferencia na selección ás obras que sexan estreas absolutas.
Os principais premios estarán destinados ás categorías de ficción con 2.000 euros, e animación e premios do público con 1.500 euros cada unha. A organización tamén mantén o premio de 1.000 euros destinado a categoría Novas Camadas, un dos grandes escaparates dos creadores máis novos.
O obxectivo do festival ven sendo nas últimas edicións manter e mesmo aumentar as dotacións dalgúns premios, que poidan servir de apoio e estímulo na carreira de novas e novos cineastas. A convocatoria ten este ano a novidade de que os cineastas poderán inscribir obras que non estean aínda completamente rematadas, en fase de postprodución ou montaxe. A finalidade é que se poidan dar a coñecer como “Work in progress”, dentro da sección Fillxs de Cans, unha das seccións máis celebrada polo público do festival.