Curaçao | A Zona Franca de Vigo foi presentada como modelo de éxito na XXVII Conferencia das Zonas Francas de Iberoamérica, que se celebrou na illa de Curaçao e na que participou o Consorcio coa incubadora High Tech Auto. A HTA foi seleccionada pola organización como un dos tres proxectos máis relevantes e destacados en innovación, sustentabilidade e novas tecnoloxías do territorio iberoamericano.
A incubadora para o fomento da innovación e a transferencia de tecnoloxía ao sector da automoción foi presentada polo delegado do Estado, David Regades, no espazo Showcase da Conferencia, no que se compartiron as mellores prácticas para impulsar a competitividade. Organizada por AZFA (a Asociación de Zonas Francas das Américas), a Conferencia reuniu durante tres días aos líderes e expertos máis destacados do sector ademais de operadores, inversionistas, entidades gobernamentais, consultores e provedores da industria, co fin de compartir coñecementos e experiencias.
No foro debatéronse os retos sobre tecnoloxía e innovación, sustentabilidade, talento, tendencias mundiais en xeopolítica, fluxos de investimento, comercio internacional, ecosistemas seguros ou intelixencia artificial. O delegado de Zona Franca, David Regades, incidiu na importancia de “participar en foros internacionais como este e máis cando somos unha ponte real do Atlántico con América. Debemos aproveitar estas sinerxias para seguir impulsando a economía, ter contactos con investidores, presentar os nosos proxectos e crear novos mercados”.
Ademais, dixo, somos un dos exemplos de ecosistemas de competitividade que nos sitúan no modelo das Zonas Francas 4.0, que é o listón que nos debemos fixar, con proxectos económicos caracterizados pola innovación e os novos sectores industriais. O delegado incidiu nos acenos de identidade das iniciativas do Consorcio, “baseadas nas novas tecnoloxías como son o hub TIC de López Moura, o World Car Center ou a planta de semiconductores fotónicos.
Precisamente, o potencial exportador das empresas galegas con Iberoamérica evidencia a necesidade de estar presentes neste mercado. Entre xaneiro e agosto deste ano, as exportacións da provincia de Pontevedra ascenderon a 9.950 millóns de euros, que representan o 49,52% do total de Galicia, sendo o máis relevante o sector do automóbil seguido dos bens de equipo. Os datos mostran a relevancia das transaccións comerciais entre as dúas áreas xeográficas e o potencial de crecemento a ambas as beiras do Atlántico.
Regades tamén sinalou que, por outra banda, “é unha honra que a Zona Franca de Vigo representase unha vez máis a España xunto ao Consorci de Barcelona e os parques de Cádiz, Gran Canaria ou Tenerife, e máis cando fomos seleccionados coa High Tech Auto como modelo de éxito en Europa e América”
Na súa presentación da HTA, o delegado lembrou que á incubadora viguesa aválana os números das súas 4 edicións: “85 proxectos emprendedores recibindo axuda, 19 empresas constituídas, 18 prototipos creados, 9 proxectos que xa crean emprego; 13 proxectos que xa pasaron a aceleradoras ou 70 empregos xerados”.
Cun orzamento de case 2 millóns de euros, a Higt Tech Auto destaca polos seus talleres de fomento da innovación e a creatividade, de modelos de negocio e Lean Startup, e de acceso a financiamento e contabilidade en fase 0. Tamén, polo seu programa de mentorización do sector de mobilidade e de emprendedores durante a incubación ou os programas de networking. A formación técnica desta incubadora dispón de Autolab con áreas de prototipado rápido, de Electrónica, de 5G con Edge Computing, de CNC, de Robótica e de Dixitalización con Hard Software.