Ponteareas | O Concello traballa xa na preparación dos campamentos de verán para os nenos e nenas de Ponteareas, o Campus-Tea e o Verán Rural, dúas iniciativas que buscan “ofrecer unha alternativa de lecer e aprendizaxe á rapazada durante as vacacións estivais con actividades lúdicas, deportivas, educativas e culturais ao tempo que se facilita a conciliación familiar e laboral”, como destaca a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández.
Este xoves 4 de maio o Concello abre o prazo de preinscrición nas dúas liñas de campamentos de verán, que fomentan a atención á infancia e xuventude, a xestión social do patrimonio e medio ambiente e a dinamización cultural. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 19 de maio e terán á súa disposición as bases e os impresos de preinscrición na web municipal, na Sede Electrónica do Concello, no Rexistro Xeral do Concello ou na Oficina de Ensino de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas.
En total serán 420 prazas en diferentes espazos do núcleo urbano de Ponteareas e das parroquias para rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos en horario de 09.00 a 14.00 horas, con posibilidade de solicitar aula matinal de 07.30 a 09.00 horas no caso do Campus Tea. A listaxe provisional de nenos e nenas admitidas darase a coñecer o 26 de maio. Tras a publicación da listaxe definitiva de admitidos e admitidas o 7 de xuño, o prazo de inscrición, achega de documentación e abono da cota será do 8 ao 21 de xuño.
O Campus-Tea desenvolverase nas instalacións do CEIP Nosa Señora dos Remedios en catro quendas de 15 días que irán do 1 de xullo ao 31 de agosto. En xullo habilitaranse 100 prazas por quenda, mentres que en agosto estará limitada a 60 persoas. O prezo será de 48 euros por participante e deberá haber un grupo mínimo de 12 nenos ou nenas para poder poñer en marcha a aula matinal.
Pola súa banda, o Verán Rural rotará por diferentes parroquias de Ponteareas: do 1 ao 15 de xullo estará no Centro Cultural de Bugarín, do 16 ao 31 de xullo no Centro Cultural de Prado, do 1 ao 15 de agosto na Casa Cultural de Angoares e do 16 ao 31 de agosto na Casa Cultural de Guláns. Estes campamentos terán un prezo dun máximo de 47 euros por participante.
Cristina Fernández anima a todas as familias a inscribir aos nenos e nenas nestes campus “deseñados cunha programación repleta de actividades creativas, culturais e de coñecemento da contorna próxima dende unha pedagoxía baseada na educación en igualdade e en hábitos saudábeis. Sen dúbida, é unha oportunidade única para que rapaces e rapazas poidan aprender, crecer e gozar nun ambiente agradábel e divertido”.
Avanzan as obras de Ponte Xil
Xa están en marcha os traballos de drenaxe transversal na estrada municipal situada en Ponte Xil, na parroquia de Guillade, unha zona que presentaba importantes deficiencias tras os danos provocados polas intensas choivas nos últimos anos.
Tras os trámites necesarios para obter a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o Concello xa está a realizar na zona as obras “para solucionar os problemas de drenaxe insuficiente o afluente do Uma por mor da rotura das tubaxes de formigón”, como explica a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote.
Os traballos de reparación dos danos suporán un investimento de máis de 60.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra e estarán rematados en apenas dous meses. Estas obras permitirán construír un novo pontón que substitúa as tubaxes actuais, renovando todo o tramo do camiño afectado.
Para a súa execución, a empresa concesionaria ten que demoler todo o tramo afectado, polo que se realizará un desvío provisional do leito do río. “O obxectivo destas obras é renovar o paso actual para volver poñer en servizo a estrada municipal, mellorando a seguridade viaria do camiño, aumentando a calidade do servizo e a comodidade dos veciños e veciñas”, recalca Garrote. Trátanse duns traballos complexos, polo que a concelleira agradece ademais a paciencia da veciñanza da zona pola demora no inicio dos traballos e polo tempo que duren as obras.