A Guarda | A Deputación de Pontevedra ven de anunciar a licitación do proxecto para a mellora dos accesos á Praia do Muíño depois da sinatura dun convenio, no pasado mes de febreiro, entre o ente provincial e o Concello de A Guarda para o acondicionamento dos accesos á praia de O Muíño, porta do espazo natural protexido do Esteiro do Río Miño, por un orzamento total que ascende ás 192.190,64 €
O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro 2 de xullo, ás 10:00 horas.
O acondicionamento dos accesos á praia do Muíño forma parte do proxecto de cooperación europea «Visit Río Miño», de Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo, en concreto dentro das actuacións comprendidas para a creación do «Anel Verde do Miño’», que consiste nunha “rede de sendeiros que comprende máis de cen quilómetros de ciclovías e camiños pedestres entre Galiza e Portugal e é, sen dúbida, un dos maiores atractivos deste territorio e de todo o sur da provincia”.
As actuacións previstas teñen unha dobre finalidade, por unha banda a recuperación da contorna, preservando e protexendo un espazo de alto valor ecolóxico, e por outro lado, a mellora da accesibilidade e os servizos da praia para a cidadanía.
Na actualidade os accesos á praia do Muíño consiste nunha plataforma de recheo e un muro, así como un aparcamento a pé de praia. O proxecto inclúe a construción dunha rotonda para a regulación do tráfico, a ampliación das entradas ao areal e a creación dunha plataforma peonil de acceso a praia.
Antonio Lomba, manifestou a súa satisfacción co proxecto e destacou a relevancia destas obras que “permitirán rexenerar unha das zonas máis importantes para o Concello dende un punto de vista turístico e medioambiental.” Segundo explicou, o actual acceso ao areal “rompía a conexión coa natureza” e presentaba “certa degradación”. Con estas actuacións “recuperaremos esta área converténdoa nunha paisaxe moi coidada, onde as persoas prevalecerán sobre os coches”, evitando que os vehículos poidan chegar ata a beira da praia e que permitirán á cidadanía “gozar aínda máis se cabe deste entorno inigualable”.
A actuación, enmarcada dentro do proxecto Visit Rio Minho, consistirá na conexión de dous sendeiros que desembocan no areal, un marítimo e outro fluvial, consolidando un novo treito do Anel Verde do río transfronteirizo formado por rutas galego – portuguesas xa consolidadas, un dos maiores atractivos do sur da provincia. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez e o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, coincidiron en destacar a relevancia desta actuación para recuperar un espazo natural de altísimo valor turístico e medioambiental.