Aberta a licitación para a nova escola infantil de Ponteareas

O prazo é ata o 4 de setembro. O importe da licitación é de 1.059.766,40€

Ponteareas | O Concello de Ponteareas informa que abre o prazo de licitación das obras para a contratación da construción da nova escola infantil. As empresas interesadas terán de prazo ata o 4 de setembro ás 14:00 horas.

A nova escola infantil estará no parque Ferro Ucha e ofertará cen prazas de educación infantil de 0 a 3 anos de idade nun edificio que atenderá as necesidades actuais de accesibilidade, espazo e funcionalidade.

O importe da licitación é de 1.059.766,40 euros para unha nova escola infantil que se conectará coa súa contorna e disporá dun patio inmerso no parque. A alcaldesa, Nava Castro, adianta que as obras da nova escola infantil comezarán unha vez rematados todos os procesos administrativos para que sexa unha realidade no vindeiro ano 2025. “Para este goberno é prioritario ofrecer servizos públicos de calidade e colocar as necesidades das persoas por diante de todo por este motivo axilizamos todo posible tanto a construción da nova escola infantil como a do novo centro de saúde”.

Interese polo túnel de Confurco
Co obxectivo de rescatar un símbolo da historia de Ponteareas de principios do século XX a asociación veciñal Unidade Parroquial de Xinzo e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro acompañada da concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas e do segundo tenente de alcaldesa Jesús Cao, visitaron o antigo túnel do Confurco.

A nova directiva da asociación, presidida por Manuel Regueira, realizou nos últimos días intensas tarefas de desbroce e limpeza que deixan á vista a boca do túnel proxectado por iniciativa do afamado empresario e médico Enrique Peinador. O descubridor da Fonte da Gándara no ano 1872 e principal propulsor do Balneario de Mondariz sentiu naqueles intres a necesidade de conectar por tranvía Vigo e Mondariz Balneario ao estar conectada a cidade olívica por estrada e por mar.

Así no ano 1913 constitúese en Ponteareas a Sociedade Tranvía de Mondariz a Vigo para facer realidade o proxecto de Peinador, a creación dunha liña de tranvía que beneficie ao Balneario pero tamén a cada unha das vilas polas que pasara o trazado.

Agora a asociación veciñal Unidade Parroquial de Xinzo xunto ao Concello de Ponteareas busca visibilizar e pór en valor ese túnel. A alcaldesa adianta que se realizarán as primeiras xestións con distintos organismos e institucións para investigar a importancia, situación actual da estrutura e posibles proxectos que fagan posible o acceso e desfrute desta peza e da contorna por parte da cidadanía.

O proxecto inicial contemplaba dous tramos, un de Mondariz ao Porriño e outro de Porriño a Vigo. A saída estaría en Mondariz e pasaría por Ponteareas e a través dun túnel continuaba no Porriño enlazando logo coa liña do tranvía ata Vigo. Pero no ano 1914 as obras do túnel paralízanse ao estourar a I Guerra Mundial imposibilitando a chegada de material do estranxeiro para as obras do túnel.

Nese intre xa estaban escavados 250 metros do túnel que se atopa no algo do Confurco a escasos metros da N-120, naquela época coñecida como a estrada Logroño-Vigo. Enrique Peinador falece no ano 1917 e o 20 de marzo de 1920 inaugurase de xeito oficial o tramo Porriño-Vigo que viviría a súa última viaxe o 13 de febreiro de 1967.

Agora Concello e asociación toman o testemuño na procura de apoios cos que manter viva esta peza da historia das comunicacións de Ponteareas.