O Pereiro de Aguiar | Está aberta a nova senda peonil acometida pola Xunta que conecta os núcleos de O Roupeiro e Santa Baia, en Pereiro de Aguiar. Trátase dun trazado de dous quilómetros que aumenta a seguridade viaria e peonil entre ambas as localidades.
O itinerario discorre entre a rotonda de O Roupeiro e o pobo de Santa Baia, no límite co Concello de Esgos, onde continuará 800 metros máis. Luís Menor Pérez, alcalde en funcións do Pereiro, sinala que a vía únese aos máis de 3 qms xa en servizo entre A Derrasa e o encoro de Cachamuiña e desde o complexo de Monterrei ata a rotonda da Tecnópole. Ademais, “están a acometerse obras na estrada comarcal 101 desde Medorra ata máis arriba do cruzamento de Calvelle, que supoñen outros dous quilómetros”. Actuacións encamiñadas, destaca, “a favorecer unha mobilidade segura e sostible”. Esta obra está prevista que conclúa no mes de xullo.