O Covelo | O cámping de montaña de primeira categoría de Maceira xa ten as súas portas abertas a todas as persoas que queiran gozar da natureza, da tranquilidade e dos servizos que ofrece nas súas instalacións.
Neste cámping dispomos de 15 bungalows, espazo para caravanas e furgonetas e 28 parcelas de distintos tamaños para tendas de campaña. No cámping son ben recibidas tamén as mascotas e todas as persoas usuarias dispoñen de auga quente non só nas duchas, tamén para lavar a louza ou asear á súa mascota.
Ubicado ao carón da praia fluvial de Maceira xunto ao río Tea e afluíntes, atopamos rutas de sendeirismo a poucos metros e a praia fluvial que fai deste cámping un destino para aqueles que procuran rodearse de natureza.
Dende o 1 de xuño o cámping entra en pleno rendemento e ofrecerá ás e aos campistas múltiples servizos como as novas pistas deportivas que veñen de remodelar e nas que podemos practicar baloncesto, fútbol 3 ou pickleball, entre outros deportes. As persoas que aposten por unhas vacacións no cámping de Maceira tamén poderán gozar da piscina, do jacuzzi, do servizo de lavandería, do aluguer de bicicletas eléctricas ou táboas de paddle surf así como facer uso do punto de carga eléctrica para coches.
Para clientes e público en xeral dispoñen de servizo de cafetería e restaurante no que poder repor forzar cun xeado, unha pizza ou ensaladas variadas, arroz ou distintas especialidades de carne.
Neste mes de xuño o restaurante abrirá de 09:00 horas a 16:00h. e de 18:00h. a 23:00h. de luns a xoves, e os venres, sábados e domingos de 09:00 a 23:00 horas. En xullo e agosto abrirá de 09:00 horas a 23:00 horas.
Ademais, para o resto das persoas que gozan da praia fluvial teñen un chiringuito e aluguer de flotadores.
A xerente do cámping, Ana Outón Beloso, adianta que xa comezaron a pechar as primeiras reservas e informa do correo electrónico no que se poden realizar: info@campingmaceira.com.