Tui | O Concello de Tui abre a convocatoria do concurso para a elección do cartaz anunciador das Festas de San Telmo 2023, no que poden participar artistas plásticos, creadores e creadoras ou calquera persoa que estea interesada. Establécese un único premio de 700 euros e diploma.
Para participar débense presentar un máximo de tres obras, orixinais e inéditas, nas que deben figurar “Festas de San Telmo. Tui, 8 – 17 de abril de 2023. Festas declaradas de interese turístico galego”, así coma a marca corporativa do Concello de Tui.
O xurado terá en conta na súa valoración que “o cartel identifique na súa expresión gráfica á cidade e ás festas de San Telmo”, reflectindo os valores que se expresan para as Festas de San Telmo, centrados principalmente na devoción ao patrón, a participación e a tradición popular, a tradición secular, a accesibilidade universal á festa e á cultura, a igualdade e a proxección exterior da cidade.
Así, nas bases do concurso, recóllese que “estes tres obxectivos plasmaranse na composición dos traballos, reflectindo un espírito festivo con marcada orientación publicitaria e artística e de promoción, tanto das festas anunciadas como da propia cidade de Tui”.
O carteis, cun tamaño de 50 x 70 centímetros, poderán realizarse en técnica e cores libres, pero deberase ter en conta que a impresión do gañador realizarase en cuatricromía. O cartel presentarase baixo lema no Rexistro da casa do concello ou na Biblioteca Pública Municipal até o 28 de febreiro ás 14:00 h.
Achegarase en formato dixital, xunto coa documentación requirida, e en formato impreso, sobre un bastidor ríxido de cartón pluma sen molduras ou cristal. Con todos os carteis presentados a concurso, e que cumpran o establecido nas bases do mesmo, realizarase unha exposición. As bases completas deste concurso pódense consultar na web municipal tui.gal.