Ponteareas | A concelleira de Educación e tenenta de alcalde Cristina Fernández informa que ata o 20 de marzo está aberto o prazo de solicitude de admisión tanto nos centros de infantil e primaria como nos institutos de ensinanza secundaria do concello de Ponteareas.
Mil cincocentos alumnos/as de infantil e primaria estudan nos cinco CEIPS e no Centro Rural Agrupado (CRA A Picaraña) de Ponteareas. Grazas á colaboración da concellería de Ensino todos os centros contan con servizo de aula matinal facilitando a conciliación familiar e laboral.
Ademais, os tres CEIPs do centro urbano ofrecen o servizo de comedor e a través das ANPAs todos os centros educativos de primaria desenvolven actividades extraescolares para que as familias poidan ter un amplo abano de servizos de formación regrada e non regrada.
Ao alumnado de infantil e primaira haille que sumar os 1.178 alumnos e alumnas dos tres Institutos de Ensinanzas Secundarias do noso concello. Cristina Fernández salienta os bos resultados acadados nas probas de selectividade do curso anterior cunha media do 98,7% de aprobados, mostra do bo traballo realizado polo equipo educativo e do alto nivel dos nos IES. En contínua evolución para cubrir as inquedanzas e necesidades educativas da mocidade, este curso ofreceuse xa a modalidade do bacherelato de Artes para o que o alumnado xa pode solicitar tamén a admisión.
A concelleira de Educación adianta que os centros educativos de Ponteareas ofrecen unha ensinanza cercana ás familias, participativa e involucrada tanto na súa contorna como no día a día do propio concello a través da participación no Consello da Infancia e da Mocidade como nas actividades deseñadas para o alumnado.