Aberto o prazo para participar no Enterro da Lamprea 2017

O Concello de Salvaterra de Miño abre este venres o prazo de inscrición para participar

 

Salvaterra de Miño | Cada ano, o sábado seguinte ao martes de entroido, no 2017 será o 4 de marzo, en Salvaterra percórrese as estradas chorando a morte da súa querida Lamprea.

O ano pasado foron 18 carrozas as que participaron, con máis de 1600 participantes, percorrendo e facendo a ledicia das miles de persoas que se deron cita nesa tarde en Salvaterra para ver desfilar as diferentes carrozas e comparsas, chegadas de toda a comarca, que acompañan a comitiva da defunta lamprea e as súas choronas.

 

Dende o Consistorio invitan a todos a participar, ou ben formando parte dalgunha das comparsas ou carrozas que se inscriban, ou acompañando a ese grupo de “choronas” que despide a súa querida lamprea polas rúas da vila.

 

A saída será igual que todos os anos, a partires das 18.00h, con saída da Rúa Rosalía de Castro – Rúa Castelao-Rúa Fonte da Vila – Rúa Dona Urraca e rematará na praza do Concello, onde se lerá o testamento da defunta e se lle prenderá fogo, todo isto acompañado dun chocolate ben quente.