Mondariz | O auditorio municipal de Mondariz, habilitado cun equipamento audiovisual para proxeccións cinematográficas, ofrecerá pases gratuítos de “Pinocho” (10 de abril, 19:00 horas), “La librería” (23 de abril, 21:30 horas) e “La sociedad literaria y el pastel de piel de patata” (29 de abril, 21:30 horas)
Para o 23 de abril, Día Internacional do Libro, está programado un espectáculo familiar nos Xardíns do Concello ás 18:00 horas que mestura o contacontos co teatro e a maxia.
A programación cultural do Concello de Mondariz neste mes de abril ten o libro como protagonista, mais vai máis alá da simbólica data do 23 de abril (Día Internacional do Libro) e inclúe actividades case todos os fins de semana.
Aproveitando o equipamento audiovisual instalado o ano pasado no auditorio municipal, o Concello de Mondariz programou un ciclo de adaptacións cinematográficas de obras literarias que comeza este 10 de abril, ás 19:00 horas, coa proxección do filme “Pinocho” (Matteo Garrone, 2019); e que continuará despois de Semana Santa coas películas “La librería” (Isabel Coixet, 2017), o 23 de abril ás 21:30 horas, e “La sociedad literaria y el pastel de piel de patata” (Mike Newell, 2018), o 29 de abril ás 21:30 horas. Como é habitual no Concello de Mondariz, a entrada a estes eventos será libre e gratuíta até completar a cabida do auditorio municipal, con máis de cen butacas.
Para o 23 de abril, ademais de proxectar “La librería” (Isabel Coixet, 2017), está programado un espectáculo familiar nos Xardíns do Concello a partir das 18:00 horas. “O libro vivo”, producido pola compañía galega Expresións Producións, é un dinámico espectáculo de animación á lectura para nenos e nenas de 4 a 11 anos que inclúe contancontos, monicreques, música e maxia. Chega a Mondariz a través do programa Ler Conta Moito.
Esta, con todo, non será a única actividade de animación á lectura que programa o Concello de Mondariz para celebrar o Día Internacional do Libro. Desde a Biblioteca Municipal tamén se está organizando unha actividade de doazón de libros a través de postos instalados na propia biblioteca (18-22 de abril, en horario de 10:00-12:00 e 16:00-20:00 horas), na Praza de Abastos (18-24 de abril, en horario de 09:00-14:00 horas) e nos Xardíns do Concello (23 de abril, en horario de 17:30-19:30 horas).
O último fin de semana de abril tamén está previsto o faladoiro mensual do club de lectura de Mondariz, desta vez arredor da novela gráfica “Persépole”, da irania Marjane Satrapi.
Ademais de continuas referencias aos libros, a programación cultural deste mes no Concello de Mondariz inclúe a presentación dun obradoiro de expresión corporal impartido polo artista brasileiro Giovanni Peixoto, veciño da parroquia de Lougares e con ampla experiencia internacional na arte da “performance”. A clase gratuíta terá lugar o 30 de abril, ás 17:00 horas, no edificio do centro social de Mondariz, coincidindo na semana do Día Internacional da Danza.