Ponteareas/ACiP | Alternativa Ciudadana de Ponteareas demanda que o Concello de Ponteareas arranxe a maior brevedade posible a mini-depuradora municipal que foi instalada na parroquia de Prado, que nestes intres esta realizando vertidos a gran proximidade do río Tea.
Esta situación pode derivar en maiores problemas medioambientais para o noso río, que nas últimas semanas xa estivo no foco da polémica debido os resultados desfavorables das analíticas.
O goberno municipal ten establecido un contrato cunha empresa externa, a cal recibe unha elevada factura das arcas municipais, para o suposto mantemento de todas as mini-depuradoras intaladas nas diferentes parroquias nos últimos anos. Existe unha inacción total tanto da alcaldesa como dos concelleiros, que saben que este desbordamento leva días producindose e non son quen de reclamar o arranxo a empresa responsable.
Para o líder de ACiP, Juan Carlos González Carrera: “É unha auténtica vergoña ter un equipo de goberno tan amplo e percibindo dedicacións exclusivas a conta dos ponteareáns, cando realmente son un auténtico despropósito na xestión. O caos interno é tal, que non son capaces nin de facer cumprir un contrato que está destinado únicamente ao mantemento destas depuradoras de xoguete que quixeron instalar.
Engadiu que “estes partidos erán os grandes defensores da natureza e baluartes do río Tea, só mentres estiveron na oposición, foi chegar o goberno e pechar os ollos a pesar dos datos de cada verán”.
Durante anos o goberno local (BNG e PSOE) decidiu realizar a instalación de diferentes depuradoras, dun tamaño diminuto, en varias parroquias. A esta cuestión ACiP opúxose, ao entender que estes veciños poderían conectarse a depuradora municipal pola caida de nivel, sen necesidade de executar procesos de bombeo. Co tempo demostrase que estas mini-depuradoras só serviron para incrementar o gasto de mentemento, que nin tan sequera reclaman os concelleiros en momentos de necesidade.