Ponteareas/ACiP | No pasado mes de agosto varios veciños trasladaron a nosa formación a súa preocupación ante a existencia dun pozo sen tapiar nunha parcela pola que a diario transitan centos de viandantes.
Tras constatar estas queixas, dende Alternativa Ciudadana de Ponteareas puxemos en coñecemento do goberno municipal a existencia deste pozo. Mediante un escrito presentado o 16 de agosto nas dilixencias municipais, advertimos a alcaldesa desta grave situación e sinalándolle a parcela correspondente.
Transcorrido case un mes a Sra. Fernández non ofreceu resposta algunha nin se tapiou o referido pozo. Nestes días recibimos unha notificación da concelleira de Medioambiente, na que unha vez máis rematan “botando balóns fora”, sinalando que ao ser unha parcela privada non teñen capacidade de realizar actuación algunha.
Con esta resposta trata de enganarnos, xa que o Concello ten responsabilidade, ao ser o titular da parcela que linda e que contén o parking público da rúa Braña, sen estar valada, co cal o acceso está completamente aberto.
Co inicio do curso escolar a situación incrementou todavia máis a perigosidade, xa que este pozo conta cunha profundidade de gran consideración, e actualmente transitan pola zona centos de rapaces e rapazas para acudir aos centros educativos.
Para Juan Carlos González Carrera, portavoz de ACiP na corporación ponteareá, esta “situación é gravísima, xa que no momento que o Concello ten coñecemento dun perigo debe actuar.
No caso de Ponteareas prefiren escapar das súas responsabilidades, polo que dende ACiP non imos aceptar este tipo de actitudes de absoluto “pasotismo” que poden rematar nunha desgraza”. Carrera quixo engadir que “unha vez máis vémonos obrigados a denunciar que a alcaldesa non responde; non actúa e escóndese, sen tomar as medidas pertinentes”.
Por esta razón dende ACiP queremos por en coñecemento dos medios de comunicación estes feitos, a ver se con este incentivo os membros do equipo de goberno (composto por BNG e PSOE) deciden actuar como corresponde.