Ponteareas/ACiP | En outubro do ano pasado, o Tribunal Constitucional declarou como inconstitucional o primeiro dos estados de alarma decretados polo goberno. O executivo estatal poucas horas despois, notificaba a todas as institucións a obrigatoriedade de devolver as contías de cada unha das sancións interpostas durante ese período.
Como corresponde, o Goberno de España e a Xunta de Galicia puxéronse a devolver os cartos de oficio, pero non así o Concello de Ponteareas. Varios veciños afectados por estas sancións, informáronnos sobre esta nova “cacicada” do goberno municipal, na que como xa sucedeu co imposto de plusvalía (no que cobrou máis de 90.000€ de forma ilegal), non ofrece información o respecto.
Ante estes feitos, Alternativa Ciudadana de Ponteareas solicitou información sobre o proceso no Pleno Ordinario do mes de abril. Coa información correspondente sabemos que nos atopamos por enriba das 400 sancións (unhas 115 no 2020 e 288 no 2021), que a unha media de trescentos euros de importe por cada unha sitúan a apropiación ilegal do Concello por enriba dos 100.000€.
Como sinala o portavoz de ACiP, Juan Carlos González Carrera: “Demandamos o Concello que se restitúa a legalidade, procedendo a anulación de todos eses expedientes como decretou o Constitucional e devolvendo ata o último euro desas sancións. Parece mentira que teñamos que insistirlle a este goberno que proceda a realizar este proceso para devolverlle cartos os seus propios veciños”. Dende esta formación informamos que de continuar alargando esta irregularidade manifesta, non nos quedará outro camiño que poñelo en mans das autoridades competentes para que lle esixan o Concello a devolución das multas.