Ponteareas/ACiP | O municipio de Ponteareas viuse afectado neste comezo de ano polas intensas precipitacións que causaron o desbordamento do caudal do río Tea. Os desperfectos producíronse ao longo de todo o seu percorrido dentro do noso Concello. Múltiples previsións meteorolóxicas facían prever o ocorrido, xa que se decretou a alerta laranxa pola Axencia Estatal de Meteoroloxía.
A pesar diso, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, que ostenta a área de Seguridade do goberno, decidiu que o municipio afrontase esta situación cun só Policía Local traballando, mostrando unha absoluta falta de planificación.
O domingo 1 de xaneiro durante toda a mañá, Ponteareas contaba con diferentes zonas anegadas, afectando as carreteras, pero sen ningún tipo de sinalización por parte do Concello. Como é lóxico o único axente que se encontraba de garda non era quen de facer fronte a todo.
Para Juan Carlos González Carrera, líder de Alternativa Ciudadana de Ponteareas, “isto trátase dunha mostra máis da nula planificación coa que dirixe a cidade este equipo de goberno, coa relevancia de que neste caso a situación puña en grave risco saúde e o benestar das persoas”. Ao que engadiu que “temos unha alcaldesa só en horario de oficina, que non é quen de poñerse a fronte de Ponteareas un festivo, aínda que as circunstancias o requiran”. Cabe destacar a gran labor que realizaron os bombeiros de Ponteareas e Protección Civil, que decidiron actuar por vontade propia, tratando de mitigar as incidencias ante a falta dunha coordinación superior.