Ponteareas / ACiP | O anunciado polo alcalde esta fin de semana é unha máis das notas de prensa que envía o goberno e coas que tenta enganar aos veciños, xustificando a súa inactividade e parálise de goberno nestes, case xa, catro anos de mandato. Notas de prensa rechamantes nas que anuncian servizos, como o baleirado de fosas sépticas para o rural, que non existen.
Resulta ademais chocante que na páxina web oficial do concello de Ponteareas indiquen que o concello “crea” este servizo no rural que non conta con saneamento. Con iso veñen dicir que xa existe, canto non é verdade. “Desde ACiP convidamos a calquera veciño que chame ao concello e pregunte por ese servizo. Loxicamente diranlle que non existe”, asegura o portavoz desta formación, Juan Carlos González Carrera.
No pleno da pasada semana aprobouse a creación dunha partida de 55.000 euros para un orzamento que na comisión informativa ACiP censurou, pois se presentaba en base a unha suposición: non existe estudo económico, nin previsión, nin nada que se lle pareza respecto deste proxecto de baleirado de fosas sépticas. Segundo o portavoz de ACiP, “os grupos da oposición preguntamos ao alcalde como se ía a crear, se ía ser público ou privado, e non soubo contestar. É máis, o seu socio de goberno natural, o concelleiro de IU, mesmo lle pediu unha explicación e sen aclaralo do todo deixou entrever que sería público, aínda que non o sabía exactamente. Na nota publicada na prensa esta fin de semana xa aseguran que o tería que realizar un xestor autorizado de residuos, co que recoñecen implicitamente que será unha empresa privada”.
Para Alternativa Ciudadana de Ponteareas o que máis chama a atención deste asunto é que se queira crear un servizo empezando a casa polo tellado. Para crealo o primeiro e necesario é a modificación da ordenanza municipal de saneamento, pois en ningún apartado indica o baleirado das fosas sépticas. Modificación que habería que levar a pleno, e xa nos poñeriamos no mes de marzo, máis a exposición ao público durante 30 días, máis o período de alegacións e a aprobación definitiva, sacar a concesión a concurso público, se finalmente é unha empresa privada a encargada…. Claramente pasaríanse todos os prazos do actual mandato, o que demostra o afán puramente electoralista, sabedores como son de que non poderán cumprilo.
Con todo, e afondando máis neste proxecto, ACiP destaca que non hai valoración económica, nin se indica o custo que tería para os veciños e as empresas do rural. Fálase de que o custo que terían que pagar os veciños sería similar ao que pagan os que teñen saneamento. “En vivendas unifamiliares este custo é de 41 euros ao ano. Pode asegurar o alcalde con rotundidade que cobrará 41 euros ao ano aos veciños do rural polo baleirado de fosas? Sabe que é un custo inasumible e que ten un único fin electoralista”, sentencia un Juan Carlos González Carrera quen ademais insiste en preguntar “por que razón o alcalde omite datos, confunde e engana? Hai parroquias que teñen saneamento e non están a pagar ningún tipo de taxa, máis de 3.000 veciños, por que? Por que se lles quere cobrar ás parroquias que non teñen saneamento polo baleirado de fosas sépticas, cando debería ser gratuíto como aos outros 3.000 veciños do rural que non pagan? Por que si pagan os do caso urbano, e son os únicos que o fan?”.
Para o portavoz de ACiP, “esta volve ser unha máis do actual goberno municipal, o da transparencia, a equidade e o saneamento económico… que ao final non foi así. Unha máis para tratar de enganar aos veciños do rural; o mesmo ao que tiveron abandonado durante estes catro anos e dos que agora, que veñen as eleccións, quérense acordar”.