Ponteareas | Non deixa de sorprender que unha das instalacións que é referencia para moitas persoas, non só da vila e das parroquias, tamén do resto da comarca, se atope na situación que amosa actualmente. Estamos a falar da estación de autobuses de Ponteareas, que logo dos últimos catro anos de desatención total presenta un estado de deterioro total. “Falla o mantemento diario da mesma e semella que o goberno municipal de BNG, PSOE e Riada do Tea”, sostén o portavoz de ACiP, Juan Carlos González Carrera, “trata de buscar escusas para pechar definitivamente esta instalación; se non, non se entende o seu estado actual e que non se faga nada para evitalo. Tampouco podemos entender como o actual goberno fai tal abandono de funcións e non cumpre o que lei marca: que están obrigados ao correcto mantemento dos servizos municipais. Unha actitude, a dos grupos á fronte do concello, que non compartimos e que denunciamos”.
Alén da sucidade, os danos, o abandono e a falta de mantemento, o máis grave e que nin sequera hai un servizo de información para os usuarios; só un número de teléfono no que non atende ninguén. Deste xeito as queixas polo deficiente estado das instalacións caen en baleiro, o mesmo que as solicitudes de información de horarios e frecuencias, para as que os usuarios teñen que recorrer directamente ás compañías de transporte. Nin sequera o concello habilitou na súa páxina web un apartado destinado á estación de autobuses e a información para os usuarios.
Compre lembrar que diariamente son moitos os usuarios de Ponteareas e de fóra da vila que fan uso dos servizos de transporte colectivo por razóns sanitarias (acudir aos hospitais de Vigo) educativas ou de traballo, por iso, “dende ACiP cremos que é necesario un plan de rehabilitación e mantemento adecuado da estación de autobuses, porque é un servizo prioritario. Ten que haber persoal atendendo esta instalación e así o faremos si os veciños nos dan a responsabilidade de gobernar”, asegura González Carrera.