Ponteareas | Juan Carlos González Carrera, voceiro de ACiP e candidato á alcaldía, cualificou como “moi grave” a xestión que está a facer a empresa adxudicada polo Concello de Ponteareas de “non cumprir” coa prestación do servizo de baleirado das fosas sépticas, unha situación que afecta “a 7.000 veciños” da vila, especialmente no rural.
Tras considerar que “o BNG-PSOE goberna de costas aos veciños” obviando a prestación de servizos, González Carrera criticou que a empresa adxudicada para estas funcións desde febreiro de 2021 “non cumpre cos pregos” do contrato establecido co Concello, no que ten a obriga de facer o baleirado “como máximo en 36 horas”. ACiP ten denunciado que existen casos “dun mes sen baleirar” e que a empresa “non baleiraba completamente”, segundo constan algunhas queixas dos veciños.
Cualificou igualmente como “irresponsable” as declaracións da concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo realizadas durante un recente pleno na que literalmente instaba aos veciños a “buscarse cada un a súa solución” no asunto do baleirado aducindo que “isto era unha subvención”, amosando así “o seu descoñecemento” sobre este asunto. Incluso informou que esta concelleira está subministrando aos veciños “números de teléfono doutras empresas” para realizar este servizo.
Por tanto, no vindeiro pleno municipal, ACiP solicitará a dimisión desta concelleira se non hai unha solución inmediata así como instará á alcaldesa Cristina Fernández Davila a “asumir as súas responsabilidades” e “dar respostas aos veciños”. Denunciou tamén que no Concello non están rexistrando as queixas dos veciños por este servizo “para non ter constancia desas denuncias”. Toda vez, criticou que a propia concelleira recoñecera que “non hai ningún expediente aberto contra esta empresa”.
González Carrera tamén informou que solicitará ao Concello “tódalas facturas existentes” para revisar a súa xestión económica, tomando en conta a recente redución da partida orzamentaria establecida para o servizo de baleirado, calculada en 60.000€ para 2021 e que agora foi reducida “en 5.000€”. Informou que, con esta situación de privatización do servizo, os veciños vense na obriga de pagar “unha media de 250€”, cando o Concello prometeu custear parte deste servizo.
En canto ao balance deste goberno municipal, o voceiro de ACiP considerou que “non ten folla de ruta” e que “discrimina ao rural” na prestación de diversos servizos como alumeado e recollida de lixo, entre outros.
Tamén denunciou que este goberno deixará “hipotecado” o futuro económico dunha vila que hoxe padece “a maior débeda histórica”, calculada actualmente en 15 millóns€ a tenor dos créditos solicitados e que, considerou, pode alcanzar os “20 millóns€ en 2023”.
Toda vez cualificou como “impropias” as recentes actitudes da alcaldesa Fernández Davila nos plenos municipais, González Carrera explicou que “este goberno non é capaz de escoitar o malestar dos veciños. Volvemos a tempos do pasado, que penso xa tiñamos que ter olvidados”.