Ponteareas/ACiP | O Concello de Ponteareas no pasado mes de xuño, quixo “autoalavar” a súa xestión na obtención dun novo parking público, situado na rúa das Mimosas, ao carón da Avenida Castelao.
Na actualidade, debido a deixadez do actual goberno con estas instalacións, a súa situación non é digna para un aparcadoiro, xa que é un auténtico barrizal. Sendo conscientes deste estado o goberno decidiu pechar un dos accesos e nin tan sequera o equipou ca sinalización adecuada.
A total falta de acondicionamento provocou que as grúas tivesen que acudir ao rescate de varios coches, quedando atrapados ante a inestabilidade do firme. Tampouco se realizou ningún tipo de iluminación, xerando unha situación de inseguridade que levou a subtraccións de obxectos en diversos vehículos.
Como fai fincapé Juan Carlos González Carrera, candidato de ACiP a alcaldía de Ponteareas, “atopámonos ante unha mostra máis de publicidade enganosa por parte do bipartito, BNG e PSOE. A falta de planificación; coordinación e capacidade de xestión fan que os seus anuncios en redes e prensa, queden en meras proclamas”. Ademais apunta que “preguntamos sobre isto no pleno de novembro, nunha nova mostra de talante, a alcaldesa deu a calada por resposta. A día de hoxe continúa sen aclarar as medidas de seguridade tomadas co pozo que se encontra no medio da parcela”.
Desgraciadamente, unha e outra vez, o noso grupo vese obrigado a denunciar a falta de adecuación destes aparcadoiros, provocando que o acceso e estacionamento ao centro da vila sexa un quebracabezas, máis se cabe nunha época como o Nadal.
Situación que os actuais xestores foron agravando, eliminando centos de prazas e destinando a veciños e visitante a estacionar en aparcamentos cheos de fochancas, que nin sequera son municipais, xa que pertencen a propietarios privados, que en calquera momento poden desexar facer uso dese espazo, sendo un problema de gran envergadura para o actual goberno e os sucesorios.