Ponteareas/ACiP | Alternativa Ciudadana de Ponteareas decidiu presentar alegacións ante a falta de liderado por parte da Alcaldesa Cristina Fernández, para presentar un escrito consensuado por todas as forzas da corporación.
Lamentamos moito a pírrica claridade e definición que mostrou o goberno, a cal motivou que a nosa formación decidise presentar as súas propias, colaborando co que nos transmitiron dende a Plataforma N-120, xa que eles son os grandes artífices de que o proxecto avance.
Debemos recordar, con respecto a isto, que o goberno soamente convocou unha reunión ao principio da exposición pública, e pola incesante presión veciñal. Nesa reunión comprometeuse a realizar varias convocatorias, pero nunca se nos notificou nada máis, sendo o modus operandi habitual de BNG e PSOE, que en temas de gran calado para esta cidade priman os criterios persoais fronte a política de consenso e participación.
De feito, a Alcaldesa presentou unhas alegacións propias, que nin tan sequera consensuou co Xefe da Demarcación de Carreteras de Galicia, o que nin recibe nin colle o teléfono.
Como sinala Juan Carlos González Carrera, portavoz desta formación: “A envergadura deste tema desbordou a Alcaldesa, que mostrou unha enorme falta de liderado na súa xestión. Non quixo contar con ninguén máis que o seu ego persoal e escapou de calquera consenso, a pesar da relevancia do tema para Ponteareas”.
Dende ACiP preséntanse alegacións, xa que a pesar de estar de acordo co groso do proxecto, entendemos que ten carencias en temas básicos:
1. Ademais das rotondas preestablecidas no deseño, entendemos necesario crear dúas novas.
a. Unha a altura de Talleres Pino, para conectar mellor as parroquias de Ribadetea e Padróns.
b. Outra en Areas (aproximadamente onde se sitúa Materiales de Construcción Covelo) porque a saída de transporte pesado desa zona debe circular 1km para poder realizar un cambio de sentido.
2. Un dos graves problemas é que parte das saídas actuais a N-120 quedarían anuladas de forma taxativa no deseño de Fomento. Isto prexudicaría a moitos veciños e provocaría o colapso das carreteiras interiores, sen as dimensións adecuadas.
3. A senda peatonal que transitará paralela, queda moi recortada ou incluso anulada nalgúns tramos. Necesitamos que sexa segura para os peatóns.
4. Existen vivendas pegadas a nacional que deben ter garantida a súa entrada e saída, xa que no proxecto presentan dudas.
5. Ver concretamente as paradas de autobús (de viaxeiros e escolares) e os pasos de peatóns, xa que algúns non están onde deberían.
Para obter unha visión máis ampla do proxecto, membros da formación desprazáronse ata Vilaboa, para ver unha das últimas planificacións deste tipo postas en marcha en territorio galego.
Neste proxecto, non existiu ningún dos problemas sobre os que alegamos para a N-120, polo que entendemos que son erros por parte dos redactores do mesmo, sendo totalmente corrixibles sen afectar a súa viabilidade económica.
Por último, queremos sinalar que non nos debemos esquecer que con esta obra debe procederse a desenvolver a variante da autovía coa N-120 urxentemente, xa que senón provocará o colapso da carretera autonómica que transcorre por Angoares.