Ponteareas/ACiP | Dende Alternativa Ciudadana de Ponteareas realizaremos unha proposta formal no Pleno Ordinario do mes de xaneiro, pola cal solicitámoslle o actual goberno local que formemos unha “mesa de consenso” con todas as forzas políticas que compoñen a corporación municipal, co obxectivo de escoller de forma común o destino dos fondos europeos.
Como ben é sabido, o estado español, a través do Ministerio de Facenda destinará unha parte dos fondos Next Generation as arcas municipais. Estes ingresos veñen co obxectivo de realizar proxectos que protexan a poboación das consecuencias sobrevidas da pandemia da Covid-19. Segundo os datos do propio Ministerio, Ponteareas recibirá máis de 700 000 € para este ano 2022, sobre os ingresos que xa recibe anualmente do ente estatal.
Dada a importancia desta cantidade dende ACiP entendemos que eses cartos deben ser investido nas verdadeiras necesidades da poboación, xa que nos atopamos con cidadáns, colectivos e empresas, da nosa contorna, que están padecendo un momento delicado.
Ante o silencio do goberno local (conformado polo Bloque Nacionalista Galego e Partido Socialista de Galicia) sobre o posible destino destes cartos e coa falta dun presuposto municipal para este ano, Alternativa Ciudadana de Ponteareas toma a iniciativa e propón a inmediata conformación desta mesa, evitando presas futuras que nos enchan de escusas e nos deixen sen proxectos de cidade.
Debemos ter o tempo necesario para falar de propostas que vaian en beneficio da veciñanza. Cabe recordar que dende o noso grupo non é a primeira vez que se reclama a instauración en Ponteareas dun modelo político de consenso, xa que no ano 2020 fomos o único partido que se sentou co goberno para sacar tres liñas de axudas directas. O certo é que a pandemia continúa lastrando o noso día a día, e no 2021 non se repetiron este tipo de medidas.
Polo tanto, agardamos que dende as formacións de goberno se recolla a nosa petición e conformemos a maior brevidade a mesa de traballo. A vía do consenso, nestes intres, é a única vía transitable se queremos que a sociedade se recupere deste duro proceso.