Ourense | O escultor Acisclo Manzano recibiu este mediodía a Medalla de Ouro da Provincia nun solemne acto celebrado no salón de plenos da Deputación de Ourense e presidido por Manuel Baltar, que definiu ao artista como todo un referente do “ourensanismo transformador, da arte e da bonhomía”. Unha distinción que o escultor correspondeu anunciando “un agasallo para todo Ourense” cando cumpra 90 anos cunha exposición que titulará Tocar e levar, “porque quero estar en todas as casas”.
Manuel Baltar resumiu o compromiso de Acisclo Manzano coa arte citando as palabras do homenaxeado: “Son escultor e doulle grazas á escultura”, deixou escrito o propio artista no encabezado do libro Acisclo Escultor, patrocinado e editado pola Deputación en 2016 e que recolle a investigación realizada pola profesora Mercedes Gallego con ilustracións de Mani Moretón.
O presidente do goberno provincial expresou a súa “admiración, respecto e agradecemento a un ourensán de pura cepa, a unha personalidade fondamente humana, inimitable, intuitiva e a un referente do que somos e ata onde podemos chegar”.
Un escultor do que destacou a súa capacidade “para conciliar discretamente, sen facer ruído, sempre con eficacia” no contexto dos movementos artísticos “que agromaron na Auria que lle tocou vivir e na que segue a estar totalmente presente”. Subliñou outra capacidade máis: “Rachar co pasado sen renegar nunca das súas raíces”.
Logo de citar as palabras de Vicente Risco nunha das primeiras exposicións de Acisclo -“o escultor de ídolos aínda que non crea neles porque sabe descubrirlle os xeitos e as formas”-, Manuel Baltar puxo de relevo a celebración desta homenaxe no contexto do douscentos aniversario da Deputación de Ourense. Dous séculos de servizo “a un mesmo ideal: atender, servir, engrandecer e compartir a Ourensanía, sentimento común que nos caracteriza, e que a partir de hoxe conta con Acisclo Manzano como cidadán de ouro”.
“Quero a escultura”
O homenaxeado referendou ese sentimento afirmando que “son de Ourense e nacín nas Burgas; máis non podo pedir”, engandido que abonda con mirar cara Montealegre ou a Ribeira Sacra para comprobar que xa temos todo aquí, as formas, a paisaxe, a escultura e a pintura, sen necesidade incluso de saír de Galicia”.
Nun discurso improvisado, “para non repetirme nas anteriores intervencións”, Acisclo Manzano recoñeceu que “a escultura secuestroume, é o meu síndrome de Estocolmo, quéroa”, apuntando que quizás esta devoción veña do seu propio nome, pois gregos e romanos chamaban “acisclos” ás macetas ou martelos de ferro que utilizaban os canteiros.
Rematou a súa intervención asegurando que corresponderá a esta distinción “cun agasallo para todo Ourense” organizando unha exposición no seu 90 aniversario que pensa titular Tocar e levar porque “a escultura ten que estar nas casas de todos meus amigos e de todos os veciños”.
Amizade e complicidade con Xaime Quessada
A catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, María Victoria Carballo-Calero, foi a encargada da laudatio, na que afirmou que as obras de Acisclo “son unha xeografía do corpo que moldea e transforma en paixases, esculturas de inspiración clásica con pezas nas que latexa con forza o espírito da terra propia de Galicia”.
Carballo-Calero quixo subliñar a “amizade e complicidade” do escultor con Xaime Quessada -ao que reivindicou para evitar o seu esquecemento- e do que dixo axudou a facer máis cosmopolita a Acisclo.
A deputada de Cultura e Producións Audiovisuais, Patricia Torres, como instrutora do expediente de honra, deu lectura ao acordo do pleno de maio de 2020 no que se aprobou conceder a Medalla de Ouro a Acisclo Manzano como “homenaxe do pobo de Ourense a toda unha intensa e frutífera traxectoria artística que contou co unánime recoñecemento da sociedade, confirmando que estamos ante un ourensán que co seu concepto innovador e vangardista contribuíu a situar a arte galega nun lugar destacado do panorama nacional e internacional”.
Ampla representación
Unha vez superadas as restricións pola pandemia, o salón de plenos do Pazo Provincial encheuse de novo coa presenza de cargos institucionais como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; os alcaldes de San Cristovo de Cea e Xunqueira de Espadanedo, José Luis Valladares e Carlos Gómez; parlamentarios autonómicos e senadores; deputados provinciais de todos os grupos políticos representados na Deputación; familiares e amigos; e representantes do mundo da cultura ourensá e galega.