Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente de Paradores de España, Óscar López, mantiveron unha xuntanza de traballo na que acordaron levar a cabo a posta en marcha de accións conxuntas de promoción e mellora, coa finalidade de impulsar a recuperación da Muralla Medieval de San Vicente.
Tras a reunión ofreceron unha rolda de prensa na que explicaron os pormenores das liñas de traballo establecidas por ambas entidades, encamiñadas a acadar dobre obxectivo: recuperar a Muralla Medieval de Monforte e establecer estratexias de promoción turística de Monforte, a través do papel que o Parador de Turismo pode xogar nelas.
O alcalde destacou que “esta reunión serviu para analizar a situación do Parador e do seu entorno, dentro do conxunto de San Vicente. Dende o Concello procuramos poñer en valor todos aqueles elementos que poidan darlle unha promoción turística a Monforte, e o Parador é un elemento de primeira calidade que nos pode proxectar dentro da rede de Paradores no conxunto do Estado”. Deste xeito, o rexedor monfortino demandou e agradeceu o apoio da Rede de Paradores para a dinamización turística da cidade e de Monforte como capital da Ribeira Sacra.
“A recente aprobación do Plan Especial do Casco Histórico permite contar cunha ferramenta esencial para iniciar actuacións de mellora no casco histórico monfortino”
En relación co proxecto de recuperación da Muralla Medieval, o rexedor monfortino incidiu en que dende o Concello estase a traballar xa para poder iniciar os traballos previos que poidan supor o inicio da recuperación da Muralla e do entorno de San Vicente, dado que a recente aprobación do Plan Especial do Casco Histórico permite contar cunha ferramenta esencial para iniciar actuacións de mellora no casco histórico monfortino.
“Na reunión que mantivemos hoxe, estudamos e analizamos as posibilidades que existen para levar a cabo actuacións que conleven a mellora e a recuperación da Muralla de Monforte na súa contorna, coa elaboración de estudos previos e a procura de vías de financiación para elo”, destacou o alcalde.
Neste senso, José Tomé Roca subliñou que “o que queremos é buscar unha solución de conxunto, independentemente de quen sexa o propietario de determinados tramos da Muralla, para recupera un ben de interese cultural que temos na ladeira que rodea ó conxunto histórico de San Vicente, e no que se atopa o Parador Nacional de Turismo”.
Elemento esencial
Pola súa banda, o presidente de Paradores destacou na súa intervención o dobre obxectivo establecido trala reunión co Alcalde, de recuperación da Muralla monfortina e de promocionar, a través do Parador, as posibilidades turísticas de Monforte e da Ribeira Sacra.
“Es necesario poner de acuerdo a todo el mundo para sacar adelante el proyecto de recuperación de la Muralla de Monforte”, destacó Óscar López. En este sentido, informou das súas conversas con Turespaña, previas á reunión de hoxe en Monforte, salientando que “Tuerespaña y Paradores tienen toda la voluntad de elaborar proyectos de promoción turística para Monforte y de colaborar para la rehabilitación de su Muralla, dada su importancia histórica y su valor que como recurso turístico puede suponer”.
O presidente de Paradores tamén destacou as cifras que demostran o bo funcionamento do Parador de Monforte. En 2019, o Parador facturou 1,4 millóns de euros e tivo un índice de ocupación medio, durante as fins de semana do ano, do 71%, e do 51% de media anual. Así mesmo, mostra do bo facer do Parador, foi que o 21% dos clientes en 2019 foron estranxeiros, o cal supón unha moi importante promoción fora das fronteiras de España.
“O presidente de Paradores tamén destacou as cifras que demostran o bo funcionamento do Parador de Monforte. En 2019, o Parador facturou 1,4 millóns de euros e tivo un índice de ocupación medio, durante as fins de semana do ano, do 71%, e do 51% de media anual”
Por este motivo, o presidente de Paradores amosou o seu compromiso co Parador monfortino para seguir impulsándoo e posicionándoo dentro dos circuitos de turismo, nacionais e internacionais.
Tras a rolda de prensa, o alcalde e o presidente de Paradores, acompañados pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras e Servizos, José Luís Losada, visitaron as instalacións do Parador así como a Muralla Medieval, concluíndo a visita institucional cunha comida de traballo.