Manzaneda | O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou aos 105 rapaces da provincia que desfrutan na estación de montaña de Manzaneda do programa EsquiOU. Esta iniciativa, subvencionada pola institución ourensá cun orzamento histórico de 102.000 euros (un 45% máis que o adxudicado en anos anteriores) ten o obxectivo de que os nenos da provincia poidan acceder a custo reducido a un curso de esquí e a actividades paralelas na estación de montaña de Manzaneda.
Esta quinta quenda, formada por nenos das zonas de Allariz, Xinzo, Baltar e Maceda, desfruta dun extenso programa de actividades de montaña, deseñado coa flexibilidade como máxima ante o risco de escaseza de neve, que é a situación actual na estación de montaña. Así, a pesar de que non haxa neve, os rapaces gozan igualmente do curso teórico de esquí e de actividades como pista de tenis e pickleball, tiro con arco, piscina climatizada, rocódromo, multiaventura, orientación e veladas polas noites.
“Este ano decidimos acadar cifras históricas, tanto en inversión como en prazas, superando por primeira vez a barreira dos 1.000 beneficiarios, xa que detectamos que o interese das familias por este programa era crecente”, valora o presidente provincial. Tamén destacou a “aposta pola inclusión” da Deputación, xa que nesta edición hai prazas reservadas a menores con discapacidade, para que o acceso ao deporte e ao ocio non teña “barreiras de ningún tipo”.
Luis Menor desexoulles aos nenos desta quinta quenda tres días de diversión e ocio saudable e destacou a “flexibilidade” do EsquiOU ao facilitar que, pese a falta de neve, os nenos da provincia non queden sen un “amplio programa de actividades” para desfrutar de Manzaneda.
Balance do programa
O balance do programa EsquiOU é moi positivo, cubríndose todas as quendas dispoñibles en apenas uns días. Trátase de 10 quendas, con 105 rapaces en cada unha delas, procedentes de tódalas zonas da provincia.
De feito, nesta edición incorporáronse dúas quendas máis que en anos anteriores, con 210 rapaces e rapazas máis como participantes deste programa posto en marcha pola Deputación para achegar aos rapaces de toda a provincia á estación de montaña de Manzaneda para gozar de actividades ao aire libre, deportivas e de lecer.