Acto de homenaxe ao Reitor Rodríguez Cadarso en Lubián.

O día 15 de decembro de 1933 morría traxicamente no Concello de Lubián (terras roubadas a Galicia por Javier de Burgos, o autor da división territorial por provincias), o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, don Alejandro Rodríguez Cadarso, cando viña de volta de Madrid onde participara nunha sesión das Cortes pola súa condición de deputado.

O automóbil envorcou e precipitouse por un noiro. Días antes participara no enterramento multitudinario do seu amigo e compañeiro de docencia na Facultade de Medicina Roberto Nóvoa Santos. Casualidades tráxicas, ambas as dúas, que conmoveron á comunidade universitaria e gran parte da intelectualidade comprometida coa causa republicana e galeguista.

Alejandro Rodríguez Cadarso, durante a súa etapa reitoral, é o autor material das melloras que beneficiarían á Facultade de Medicina: as aulas e laboratorios, asicomo o Instituto Anatómico e ao seu Museo. O profesor e historiador, Ricardo Gurriarán, autor dunha magnífica obra titulada “Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940)”, analiza con moito rigor a biografía do Reitor e as súas grandes obras, salientando a Residencia de Estudantes, proxectada polo arquitecto Jenaro de la Fuente.

Gurriarán define así o labor de Rodríguez Cadarso: “Contiña no seu aval elementos importantes que en moi poucas persoas se podían dar: catedrático novo, docente implicado con profesionalidade demostrada, decisión e espírito innovador e aperturista; e experiencia política. Ao que había que engadir unhas características persoais que conformaban unha actitude conciliadora e aberta, sen limitacións, e que ademais gozaba dun verbo fluído que o convertera nun gran comunicador, todas estas peculiaridades moi importantes para o caso”.

O seu prestixio e predicamento eran de tales magnitudes que algúns que viviron naqueles tempos recordan o día da proclamación da II República en Santiago. Organizarase unha gran manifestación estudantil, que parou a súa marcha diante do edificio da Universidade, tendo que saír ao balcón o reitor Cadarso, reclamado polos participantes que coreaban vivas e frases alusivas de identificación do Reitor co acontecemento. A súa presenza activa en todos os movementos reivindicativos da autonomía de Galicia tamén definen o seu discurso e pensamento galeguista.

“O seu prestixio e predicamento eran de tales magnitudes que algúns que viviron naqueles tempos recordan o día da proclamación da II República en Santiago”

Estas e outras louvas recordáronse no mes de novembro do ano 2022 no acto promovido pola Irmandade da Sanidade Galega na Facultade de Medicina para inaugurar un monumento ao investigador, oftalmólogo e galeguista Antón Beiras, que foi situado nos corredores da planta baixa do edificio da Facultade.

Rematado o acto, Carme P. Vaquero, a gran dinamizadora do colectivo Galeguizar Galicia (www.galeguizargalicia.gal) e máis eu reparamos no busto de Cadarso, obra do escultor Francisco Asorei, que está situado agora no vestíbulo do edificio despois de permanecer década arrombado nos sotos da Facultade. É bo momento – coincidíamos os dous- para que en decembro de 2023 o concello de Lubián (a Galicia irredenta na que se fala galego) organice un acto académico e descobra un monumento a Cadarso. Dito e feito: chamamos ao alcalde de Lubián, Felipe Lubián, galeguista de acción e pensamento, que aceptou decontado a proposta.

Como resultado da mesma o rexedor municipal vén de convocar para o próximo día 16 un acto na chamada popularmente “volta de Cadarso” para a colocación dun monolito con este texto: “Alejandro Rodríguez Cadarso. En Lubián o 15/12/1933 quedaron unidas para sempre as Hedradas e a memoria do Reitor da USC”. A pedra leva uinha gravura coa súa caricatura feita polo pintor Maside. A seguir celebrarase un acto académico coas participacións do Reitor Magnífico (nunca tan ben dito) da USC, don Antonio López Díaz , o profesor Ricardo Gurriarán e Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística.

Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.