Paradela | O dous de novembro, martes, Festividade dos Fieis Defuntos, vaise celebrar ás 13,30 h. na capitalidade do concello de Paradela un acto en memoria dos enterrados no cemiterio parroquial, xa que grazas a eles o idioma pervive e medra entre nós.
A celebración comezará na Casa do Concello asinando un documento en defensa da Lingua, e da súa incorporación ás lápidas dos cemiterios de Galicia. A continuación, na entrada do cemiterio de San Miguel de Paradela descubrirasse unha placa “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque Galicia segue a ter cultura e lingua de seu. Novembro, 2021”. Promoven a colocación desta placa o Concello de Paradela, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, e a Xunta de Galicia.
No acto intervirán Xosé González Martínez, Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística; Xesús Mato Mato, musicólogo e Fillo Predilecto de Paradela; Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e José Manuel Mato Díaz, Alcalde de Paradela. Asistirán a este acto Irene López, viuva do escritor Manuel Rodríguez López, e a familia de Manuel López, O Lagoa.
A continuación visitarán o Panteón de Paradelenses Ilustres, único no seu xénero en Galicia, no que foi enterrado o escritor Manuel Rodríguez López, Fillo Predilecto de Paradela, ao que se lembra nunha placa en galego “polo seu destacado labor cultural como escritor, e polo amor demostrado a esta terra durante toda a súa vida”.
Visitarán asimesmo o nicho de Manuel López López, que el mesmo construíu e que, polo seu desexo foi rotulado en galego, lembrando “O canteiro que fixo estes nichos, Manuel López López, (O LAGOA), finou o 2-05-2014, con 92 anos. D.E.P. xunto coa Donvina. Fillos e netas non vos esquecen.
Este acto, é a continuación – dous anos despois – do que se celebrou na Festa de Defuntos de 2019 no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela), por ser o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego.