A Coruña | Xulio Ferreiro presidiu un evento –para rememorar a defensa da cidade, liderada pola histórica heroína, ante o asedio das tropas inglesas– no que recordou a importancia de “poñer todos os esforzos posibles para combater a praga da violencia machista”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiu esta mañá un acto institucional de homenaxe á figura de María Pita e aos e ás defensoras da cidade da Coruña. Ao evento –que se desenvolveu con paradas tanto na Casa Museo María Pita, como na placa que recorda o asedio das tropas ingledsas en 1589, na confluencia das rúas Nosa Señora do Rosario con Porta de Aires, e que rematou na propia praza do Concello cunha ofrenda floral– acudiron ademais distintos membros da Corporación Municipal. O primeiro edil aproveitou o acto, e a figura da histórica heroína para “reivindicar a nosa cidade en toda a súa dimensión, que estará amputada se non poñemos o foco da necesidade da igualdade real entre xéneros”. “Non podemos homenaxear o espírito simbólico que representamos por medio de María Pita alí onde ás mulleres se lles nega presenza protagonista”, comentou.
Ao fío, o rexedor quixo renovar, de forma simbólica, o compromiso do Goberno local “con algo tan básico como é que neste cidade, ou onde sexa, as mulleres reciban o mesmo soldo que os homes polo mesmo traballo, que teñan idéntica facilidade de acceso a postos directivos, e que vexan garantidos os seus dereitos sociais”. Ferreiro quixo lembrar ademais “a necesidade de poñer todos os esforzos posibles para combater a praga da violencia machista, que, por desgraza, nos obriga a gardar silencio de respulsa demasiadas veces nesta mesma praza”.
Por outra banda, Ferreiro, que recordou o asedio que sufriu a cidade no século XVI, quixo facer un paralelismo entre ese tempo histórico e o actual. “Na defensa da cidade, nun momento de emerxencia, temos que participar todos e todas, e na defensa dos dereitos tamén. Para conseguilo, a democracia pon á nosa disposición unha morea de posibilidades. Usémolas todas”, dixo. “O feito de vivir nunha crise económica e política aínda por pechar impón a necesidade de ampliar marcos e sinalar prioridades segundo a petición directa da maioría. É a nosa obriga para estar a altura dunha etapa histórica que así o demanda que abramos as portas, non para que entren forzas invasoras senón para defender o que é de todos e todas”, salientou.
O alcalde recorda, no acto institucional de homexane a María Pita, o compromiso do Goberno local “porque esta sexa unha cidade de igualdade real entre xéneros”
O alcalde tamén aproveitou para facer un chamado ao compromiso de todas as institucións públicas para promover o empoderamento das persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade. “Está contrastado que Mayor Fernández de Cámara Pita acabou os seus días pedindo unha axuda ás institucións da época. Aí, no plano máis duro encontramos unha similitude co presente, aínda que pareza imposible. Moitas persoas sofren hoxe o desemprego e a pobreza, e vense na obriga de ter que pedir subsidios e rendas mentres esixen os seus dereitos. En demasiadas ocasións a elas lles fallaron os poderes públicos. Ante esa inxustiza debemos amosarnos intolerantes”, apuntou. “As institucións públicas existen co fin de garantir os mínimos para que todas as persoas dispoñan do necesario para unha vida digna. Desde logo, no Concello da Coruña así o cremos e niso traballamos. Un xeito perfecto de homenaxear a María Pita é adicar o noso labor ao combate contra as inxustizas sociais”, rematou.