A asociación ecoloxista Adenco denuncia a contaminación do río Tea que desaconsella o baño ao seu paso por Ponteareas, así como o “atentado” contra o patrimonio local por unha intervención municipal na ponte medieval de San Roque.
Nun comunicado, Adenco remítese ao informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que desaconsella o baño na praia de San Roque-Os Remedios, un lugar de afluencia “masiva” durante a época estival, por contaminación microbiológica temporal por enterococo intestinal e E-coli.
Así mesmo, fai referencia á denuncia interposta ante a Dirección Xeral de Patrimonio pola intervención na ponte de San Roque que, segundo indica Adenco no seu comunicado, abriu dilixencias informativas ao non constar ningún permiso para realizar a obra efectuada e agarda polo informe do Concello.