A planta provocaría múltiples impactos en Mondariz
Mondariz | A Organización Ecoloxista ADENCO mostra o seu total rexeitamento ao novo proxecto. O proxecto provocaría importantes impactos para a veciñanza e para os montes da Comarca, posto que se prevé que a planta de 10 MW de potencia (o máximo permitido pola lexislación autonómica) consuma máis de 600.000 litros de auga ao mes, e precise queimar unhas 300 Toneladas diarias de biomasa, o que favorecería o uso intensivo de cultivos enerxéticos (só destinados á súa queima) na Comarca o que tería consecuencias gravísimas para os montes do Condado. O Grupo Ecoloxista ADENCO considera que a nova regulación que está a deseñar a Xunta de Galicia con respecto aos cultivos enerxéticos, introducindo especies alóctonas como a paulownia, é unha gran ameaza para os montes de Galicia e do Condado.
O Proxecto de planta de biomasa presenta multitude de erros e contradicións
A través da Resolución do 15 de xuño de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública a petición de autorización administrativa e a aprobación do modificado do proxecto de execución do proxecto de Planta de Biomasa para producir electricidade na Lagoa, en Mondariz. A Memoria do Proxecto Técnico de Execución, exposta no concello de Mondariz, presenta multitude de erros e contradicións. Non existe un estudo das emisións, nin dos ventos predominantes na zona. Incriblemente nin sequera se contempla no Proxecto a existencia de núcleos de poboación a escasos metros da instalación incineradora de biomasa e os impactos que a Planta tería na veciñanza (aumento do tráfico, ruído, afeccións na saúde, etc).
Un dos aspectos máis significativos do proxecto é o feito de que a planta de biomasa pretende recoller da praia do Val, un lugar de baño habitual para a veciñanza de Mondariz, 24.000 litros de auga diarios e bombealos ata o lugar de A Lagoa superando un desnivel de máis de 150 metros. Esta circunstancia resulta a máis grave se temos en conta que o punto de captación da auga se atopa dentro do espazo integrado na Rede Natura 2000 LIC Río Tea. Este espazo, que actualmente está tramitando a súa declaración como Zona Especial de Conservación (o maior grado de protección dentro da Rede Natura), sufriría importantes impactos se o proxecto se chegase a desenvolver.
O Grupo Ecoloxista ADENCO continuará coa campaña informativa sobre o novo proxecto de planta de xeración eléctrica a partir de biomasa forestal en Mondariz, no lugar da Lagoa, informando dos impactos que tería a planta e animando aos veciños a alegar de xeito masivo contra este proxecto de macroincineradora de biomasa forestal.