A Coruña | A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Bernadino Graña. Poeta do mar e do amor e membro de número da institución, faleceu hoxe en Nigrán. Nado en Cangas no ano 1932, foi un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto e a súa voz converteuse nunha das máis recoñecidas polo público e a crítica das letras galegas contemporáneas. A paisaxe, a fala, a experiencia amorosa e os ambientes mariñeiros nos que medrou deixaron unha fonda pegada na lírica do autor, que tamén cultivou o teatro e a narrativa, primeiro para o público infantil e logo como novelista serodio cunha nova visión da figura de Xesús, lonxe da ortodoxia católica.
“Bernardino era unha persoa moi querida dentro e fóra da Academia. Un poeta de enorme talento, cunha sensibilidade especial, extraordinariamente dotado para a lírica”; salienta o presidente da RAG. “Os seus grandes temas eran o amor, a ecoloxía, sempre na defensa dos valores da natureza, a alegría de vivir, e unha inquebrantable lealdade á terra, a Galicia e moi especialmente á bisbarra do Morrazo e ás rías. O mar de Cangas e o mar en xeral”, engade. Víctor F. Freixanes pon o acento tamén no seu extraordinario coñecemento da lingua mariñeira: “A lingua de Bernardino Graña era un patrimonio de seu”. “Tiven a honra de ser editor dalgúns dos seus libros e eran pequenas xoias. Pero, repito, ademais dun gran escritor, representación desa xeración magnífica que foron os Brais Pinto, era unha excelente persoa, leal, alegre e cariñosa. Váisenos un amigo, a Real Academia Galega sente moito a súa perda”, conclúe.
Bernardino Graña pasou a infancia entre Cangas e Ribadavia, onde o seu pai dirixía unha academia á que tamén asistiu o académico Xesús Alonso Montero, con quen compartiu pupitre. Sendo aínda ben novo, comezou a coñecer outros escritores e galeguizar a súa poesía ao se incorporar ao comité de redacción da revista de poesía de Vigo Alba, que dirixía Ramón González Alegre e á que se sumou a través de Faustino Rey Romero. Tras estudar Filoloxía Románica nas universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Madrid, anos máis tarde doutorouse nesta especialidade cunha tese sobre Miguel Torga. Como catedrático de Lingua e Literatura, exerceu en institutos de distintas localidades do Estado e Galicia, como Molina de Aragón, Luarca, Onda, Vilarreal, Xinzo de Limia, Lugo, Padrón ou Cangas, onde deixou unha forte pegada entre o alumnado.
Como poeta, a súa voz axiña sobresaíu. Gañador do certame de poesía das Festas Minervais nos anos 1954, 1955, 1959 e 1969, o seu primeiro libro, Poema do home que quixo vivir, de marcado carácter existencialista, foi publicado en 1958 por Brais Pinto, o grupo de mozos intelectuais galeguistas residentes naquel momento en Madrid do que formou parte canda Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Lorenzo e Raimundo Patiño, entre outros. En 1966 saíu do prelo Profecía do mar, “un dos libros máis nobres da poesía galega contemporánea”, en palabras de Ferrín. Nestas páxinas o poeta establecía un diálogo apaixonado cun mar investido de gran forza telúrica na lingua patrimonial dos mariñeiros de Cangas (…e mais eu amo as ágoas i é difícil / ser ágoa e darse en ágoa / amo a materia). Logo virían, entre outros, Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Sima-Cima do voar do tolo (1984), o telúrico Himno verde (1992), Ardentía. Obra poética completa (1995) e Luz de novembro (1997).
De 1980 é Se o noso amor e os peixes…, outro dous seus títulos máis celebrados. O volume inclúe pezas que lindan ás veces coa dicción neotrobadoresca e que constitúen algúns dos mellores exemplos de poesía amorosa en lingua galega, como o célebre poema titulado “Como hei vivir mañá sen a luz túa?” (Case morto vivín sen coñecerte / aló na chaira por absurdas rúas / onde ninguén me soupo dar mornura). A poesía de denuncia civil, o ecoloxismo, o poema de circunstancias en homenaxe a persoas amigas ou admiradas son outros temas frecuentes na obra dun poeta dotado, en palabras de Xosé María Álvarez Cáccamo, “dunha titánica enerxía vitalista e unha forza destrutiva e purificadora de dimensión cósmica e material que concentra o seu poder simbólico na figura colosal do mar”. Para Xesús Alonso Montero, “a musa do noso Bernardino é unha musa plural, que vai do existencialismo inicial –un pouco inxenuo– á poesía civil pasando polas súas grandes páxinas telúricas”.
Versos convertidos en cancións e historias infantís
Moitos dos seus poemas acadaron sona e difusión alén do ámbito restrinxido do lectorado de poesía. Composicións súas como “O gato da tasca mariñeira”, “Oda aos mariñeiros de Cangas”, “Quedei no bar seco como un peixe” ou a devandita “Como hei vivir mañá sen a luz túa?” foron incorporadas ao cancioneiro popular contemporáneo da man de músicos como Suso Vaamonde, o dúo formado por Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias –Mini e Mero– ou o grupo de rock cangués Astarot.
Alén da poesía, Bernardino Graña cultivou o teatro e a narrativa, xénero no que salienta, sobre todo, a súa produción destinada ao público infantil e xuvenil, con títulos como O león e o paxaro rebelde (1969), premiado no II Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho; Planeta de ratos tolos (1990), Xan Guindán, capitán (1991); Rata linda de Compostela (1994); O gaiteiro e o rato Pérez (1994), premio Merlín de 1993; Xan Guindán e os salvaxes (1996); Xan Guindán mensaxeiro (1997), ou O quirico lambón (1997). Neste xénero Bernardino Graña amosa a influencia da narrativa oral tradicional que coñeceu de neno e celebrou no seu discurso de ingreso na Academia no ano 2010, titulado Contos populares e Rosalía.
Reinterpretación da vida de Xesús no debut como novelista
Narrador serodio para o público adulto, resultou gañador do Premio Eixo Atlántico do ano 2006 coa novela Protoevanxeo do neto de Herodes. Nestas páxinas o autor transforma a liñaxe canónica de Xesús ao situalo como fillo de María e Antípatro e, por tanto, neto de Herodes. Máis que cuestións de índole teolóxica, a narración desenvolve o conflito político entre Roma e Israel no que Antípatro toma partido polos xudeus. O tema da vida e obra de Xesús sería tratado de novo desde a mesma perspectiva heterodoxa no libro A fuga a Exipto, de 2016.
Como dramaturgo publicou Vinte mil pesos crime (1962), un clásico da literatura dramática de posguerra no que desenvolve un argumento de violencia e corrupción moral mediado polo diñeiro. A esta obra seguíronlle “Sinfarainín contra don Perfeuto” (1975), publicada na revista Grial; Os burros que comen ouro nunca cabalos serán, que recibiu o Premio Abrente de Ribadavia en 1979 e foi publicada en 1992; e Larpancia saborosa do lobo e a raposa, premio Estornela de 2008 e publicada en 2011. Nestas pezas desenvolve con humor, tenrura e sinxeleza cuestións de crítica social e denuncia da mercantilización da vida moderna.
Bernardino Graña colaborou ademais como articulista en xornais como Faro de Vigo, La Región, La Noche e O Correio do Minho; e revistas como Grial, Vieiros (editada dende o exilio mexicano), a mallorquina Dabo, pliegos de poesía, a salmantina Clavero ou a devandita Alba. No eido filolóxico, compilou e publicou, con intención divulgativa e linguaxe actualizada, unha selección de cincuenta composicións das Cantigas de Santa María (1996). Comprometido nos seus textos cos problemas sociais, políticos e mesmo ecolóxicos do seu tempo, Bernardino Graña tomou partido tamén na vida civil. Foi impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e promotor e socio do Pen Club Galicia. Recibiu, entre outros, o premio Pedrón de Ouro (1999) e o da Cultura Galega (2021). O Concello de Cangas nomeouno fillo predilecto no 2022. Ese mesmo ano a RAG dedicoulle o Día da Poesía nun acto celebrado no auditorio de Nigrán, onde residía dende hai algún tempo. Co gallo desta celebración, editouse Como un mascato ergueito, unha escolma de versos da súa autoría presentados por outros escritores e amigos.