Tui | O Concello de Tui e ADIF avanzan no proxecto para cubrir 500 metros da vía férrea ao seu paso polo centro urbano. Este luns dende ADIF remitiron ao Concello de Tui un primeiro borrador de acordo para o tramo comprendido entre as rúas Maristas e Colón que suporía un investimento de 10 millóns de euros e tería un prazo de execución de 18 meses.
O obxectivo deste borrador de convenio é profundar nunha alternativa para cubrir as vías que permita compabilizar a modernización do ferrocarril e a mellora do servizo público e a calidade de vida da cidadanía.
A actuación prevista comprendería o tramo da liña convencional Guillarei-Valença entre o pk 3/100 na rúa Maristas e o pk 3/610 na Po-340 na rúa Colón. Prevese a construción de pantallas laterais para soster unha lousa a base de vigas prefabricadas para definir un único vano sobre a liña férrea. Contémplase amais a conexión e adaptación dos pasos superiores existentes a igualación da cota da superficie da lousa de cubrimento coa dos terreos lindeiros.
O convenio proposto recolle que Concello deberá asumir a autorización das actuacións complementarias. Este primeiro borrador de convenio está a ser estudado polos servizos técnicos municipais.