Ponteareas | O concelleiro de Deportes, Benito Márquez, informa que xa se adxudicou a obra de subministro e construción desta nova zona deportiva no parque Ferro Ucha por un importe total de 22.709€ (IVE incluído) financiados con fondos propios. Esta nova instalación terá 210 metros cadrados, e inclúe un parque de calistenia de 180 metros cadrados e un circuito aeróbico de 80 metros cadrados.
Benito Márquez prevé que as obras comecen nas vindeiras semanas e adianta que estarán listas para o seu uso nun prazo de dous meses.
Fomentar a práctica deportiva aproveitando os espazos naturais que ofrece a cidade é o obxectivo desta iniciativa que promove a concellería de Deportes que tras unha consulta popular a través das redes sociais decidíu ubicalo neste céntrico pulmón verde.
Os diferentes módulos destinados ao exercizo distribúense ao longo de toda a superficie situando sobre o terreo o circuito aeróbico e executando a área da superficie de destinada a calistenia sobre area de sílice de río. A zona estará perimetrada cun borde de madeira de piñeiro para evitar que a area se espalle.
O parque de calistenia terá un cubo, un monkey bar horizontal, un banco para abdominais, unha parede sueca, barras de dominada triple francesa e barra dominada clásica, un monkey bar de dous niveis, un monkey bar serpe e barras paralelas.
Pola súa banda o circuito aeróbico comporase dun elevador-flexión de brazos, un aparello de cintura, outro de remo, outro para adestramento de torso e outro para extensión de xeonllos.
“A construción dun parque de calistenia na vila era unha demanda dos veciños e por iso a súa construción é tan importante para nós. A intención é dotar a Ponteareas de máis instalacións deportivas abertas, públicas e gratuitas. Esta nova zona deportiva ao aire libre é unha opción gratuita ao ximansio tradicional e non está condicionada, entre outras cousas, a un horario establecido”, indicou Benito Márquez.
Na liña da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”, esta nova iniciativa do goberno de Ponteareas busca promover hábitos de vida saudables e a interacción respetuosa da cidadanía co medio ambiente.