Ponteareas | O goberno de Ponteareas informa que ven de adxudicarse por 122.193,96€ (ive incluído) as obras de reurbanización do primeiro tramo da rúa San Roque, conseguindo un aforro de 49.499,11€ respecto ao prezo de licitación.
Un total de 21 empresas presentaron os seus proxectos elexindo a mesa de contratación a mellor oferta calidade/prezo. A empresa adxudicataria terá a partir do comezo da obra un prazo de dous meses e quince días para executala, estando previsto o comezo inmediato das mesmas.
Esta primeira fase reformará o tramo que une a rúa dos Ferreiros coa avenida de Castelao. Unha rúa que, na actualidade, apenas ten beirarrúas e se atopa moi degradada e abandonada, onde os veciños que queren achegarse ao río deben camiñar pola calzada. Co proxecto de humanización a rúa transformarase totalmente pensando no tránsito de persoas de forma segura e cómoda.
As obras perseguen mellorar a seguridade viaria dos peóns, favorecer o uso peonil dos espazos públicos, xerar un recorrido accesible, mellorar a imaxe e calidade dos espazos urbanos, poñer en valor algunhas das edificacións de carácter histórico ou tradicional que delimitan a rúa e mellorar as instalacións de saneamento e iluminación.
Este primeiro tramo de San Roque terá espazos para os peóns diferenciados da zona de circulación dos vehículos, mediante a formación de beirarrúas a un nivel superior e mediante a instalación de elementos físicos de protección (bolardos e balizas). Haberá dúas plataformas ao longo de toda a rúa que garantirán un percorrido accesible cunha plataforma elevada con zonas específicas para peóns e con pequenos espazos de estancia con mobiliario e arborado e con unha zona en plataforma única e preferencia peonil, que permite ampliar a zona funcional dos peóns, sen restrinxir circulación de vehículos.
Ademais, na zona de transición co casco antigo e nas zonas de estancia empregaranse dous tipos de lousas de granito, de 8 cm para a zona de paso de vehículos, e de 4 cm para as zonas de uso exclusivo peonil. No resto da rúa empregarase un pavimento de formigón coloreado. As zonas de estancia dotaranse de mobiliario sinxelo e acorde cos pavimentos previstos (bancos de granito e madeira e papeleiras de aceiro e aluminio), e catro árbores (ginkgo biloba) que permitan humanizar e mellorar a funcionalidade destes espazos.
Tamén se renovará a rede de saneamento, cun sistema separativo que substituirá ao unitario actual. Mellorarase a iluminación mediante balizas acordes ao uso peonil dos espazos, sistema que complementará ao xa existente de farois ancorados ás fachadas.
As obras executaranse con cargo á estratexia Ponteareas Hábitat Saudable aprobada pola Unión Europea e dotada con 5 millóns de euros para Ponteareas.
Esta actuación únese a outras xa realizadas como o Paseo Matutino e outras que xa están en marcha como as do Alto da Gloria, ou as anunciadas na Rúa Redondela, o parque da Feira Vella ou a Praza de Bugallal que persiguen, en palabras de Represas “transformar Ponteareas nun lugar pensado para a xente”.