Pontevedra | O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) vén de aprobar o seu Plan de Accións e o Orzamento para o ano 2023, unha partida de algo máis de 418.000 euros, segundo anunciou hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez.
Así mesmo, a entidade galego portuguesa renovou os cargos da Mesa da Asemblea para o presente mandato, que ten unha duración de catro anos e carácter rotatorio bianual.
Deste xeito, a presidencia da Mesa da Asemblea recaeu no presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manoel Batista Calçada Pombal, mentres que a alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández Callís, foi elixida secretaria do órgano xestor, cargos que pasados dous anos se alternarán. Ademais nomeáronse como secretarios suplentes ao alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e ao presidente da Cámara Municipal de Ponte da Barca, Augusto Manuel dos Reis Marinho.
Fondos transfronteirizos para proxectos na fronteira
Segundo informou Uxío Benítez, o 2023 é un ano de transición entre os períodos de programación dos fondos europeos, polo que entre as prioridades do agrupamento para o vindeiro ano está a finalización de proxectos suxeitos a solicitudes aínda presentadas no anterior Interreg e a preparación de solicitudes para o Interreg 2021-2027.
O director do AECT Rio Minho insistiu en que “estes fondos europeos nacen e están pensados para os territorios transfronteirizos e son os proxectos que se crean e xestionan dende aquí os que deben recibilos”, unha reivindicación compartida polas alcaldías do territorio e as presidencias da Deputación de Pontevedra e do CIM Alto Minho.
En 2023, seguirase apostando pola consolidación do traballo en rede fortalecendo as dinámicas locais de cooperación transfronteiriza, destacando entre elas o desenvolvemento das “Axendas Urbanas do Río Miño Transfronteirizo”. Do mesmo xeito, continuará a labor do “Observatorio de Dinámicas Transfronterizas” e o proceso de planificación estratéxica (“Estratexia Transfronteiriza 2030 Río Miño”), que se levará a cabo en colaboración coa CIM Alto Minho e Deputación de Pontevedra.
O traballo do AECT Rio Minho en materia de preservación e posta en valor territorio pasa pola consolidación da Marca Rio Minho, do anel verde de rutas transfronteirizas e do servizo de préstamo de bicicletas e-bike Rio Minho, proxecto que goza de grande éxito entre a cidadanía de ambas marxes do río. Tamén se dará continuidade ao proceso de identificación de obstáculos á mobilidade e integración transfronteiriza no territorio do río Minho e ao fomento de colaboracións para o deseño de solucións propostas, tras a participación na iniciativa B-Solutions – Boosting Growth da Unión Europea.
Proxecto de colaboración e recoñecemento a Ponte… nas Ondas!
Durante a Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o pasado luns na Casa do Conde de Salvaterra de Miño acordouse ademais por unanimidade un recoñecemento específico á asociación galego-portuguesa Ponte… nas Ondas! pola súa recente inscrición no Rexistro de Boas Prácticas da Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
A organización cultural e pedagóxica leva preto de 30 anos traballando a prol do patrimonio cultural inmaterial do territorio miñoto, acción que ten compartido co organismo de cooperación europea como no desenvolvemento do proxecto “Tesouros Humanos do Río Miño Transfronteirizo”, unha iniciativa de recuperación da memoria cultural galego-portuguesa transfronteiriza que se materializou na creación dun repositorio web (http://smartminho.eu/tesouros-humanos-vivos/) con toda a información recompilada, un documental, unha exposición itinerante, contacontos nas escolas e a edición dun libro infantil.
Precisamente, nesa mesma liña de traballo o AECT Rio Minho e Ponte… nas Ondas! veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Centro do Patrimonio Cultural Inmaterial do Río Miño, unha proposta impulsada polo agrupamento europeo dentro do proxecto Livhes, financiado polo SUDOE, que verá a luz o vindeiro ano.
Declaración completa publicada polo AECT: “A Asemblea Xeral do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho) aproba, por unanimidade, un recoñecemento específico á asociación galego-portuguesa Ponte…nas Ondas! por teren pasado a formar parte do Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Património Cultural Inmaterial da UNESCO.
O anuncio produciuse durante a celebración do 17º Comité Intergubernamental da Unesco, celebrado o pasado 1 de decembro en Rabat, Marrocos. Trátase do máximo recoñecemento posible aos seus 27 anos de traballo exemplar en prol da cultura inmaterial e supón un fito histórico ao ser unha candidatura transfronteiriza e, en calquera caso, a primeira vez que unha proposta de España ou Portugal recibe esta consideración”.
PNO! promove a creación dun centro de referencia do patrimonio inmaterial galego-portugués
Ao fío lembramos que, o pasado mes de setembro, e no marco do Proxecto Livhes, cofinanciado polo programa Interreg. Sudoe 2014-2020, a Câmara Municipal de Valença, o Agrupamento Europeu de Cooperação Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho) e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas! asinaron un protocolo de colaboración para o desenvolvemento de accións de preservación do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).
PNO! propuxo un espazo con funcións de repositorio cultural, destinado a patrimonio cultural inmaterial galego-portugués denominado o Centro do Patrimonio. – Centro PCI. O obxectivo é a creación dun espazo vivo, máis aló dun museo tradicional, con exposicións, proxeccións, palestras etc.
Segundo os compromisos asinados, a CM Valença cederá a PNO! un espazo a definir no Concello para a instalación do repositorio cultural do PCI transfronteirizo. A CM Valença comprométese tamén a contribuír á valorización deste repositorio cultural nos próximos anos. (http://pontenasondas.org/pno-promove-a-creacion-dun-centro-de-referencia-do-patrimonio-inmaterial-galego-portugues/)