Pontevedra | A AECT Rio Minho, Deputación e Pontevedra e CIM Alto Minho veñen de facer fronte común para reivindicar que un mínimo do 50% e ata un 75% dos fondos POCTEP se invistan nos territorios máis próximos ás fronteiras.
Así o manifestaron as representantes das tres entidades, que se reuniron hoxe para analizar o novo Programa Operativo 2021-2027, que definen como “altamente insatisfactorio” para os intereses do territorio do Miño porque novamente admite territorios moi alonxados das ‘raias’ como beneficiarios dos fondos de cooperación transfronteiriza.
No encontro estiveron presentes a presidenta da Deputación Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Río Minho Uxío Benítez, o presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho Manoel Batista, o director do AECT Rui Teixeira, e representantes das equipas técnicas de todos os organismos.
O principal asunto a tratar foi o texto das bases do novo Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España Portugal (POCTEP) 2021-2027 que permitirá unha grande inxección de fondos. Segundo explicou o vicedirector Uxío Benítez, a propia Comisión Europea plantexou nas súas recomendacións iniciais que o POCTEP tivese un ámbito de actuación moito máis limitado que en anteriores edicións.
Sen embargo dende a comisión que redactou o borrador das bases, formado por integrantes dos gobernos centrais de Madrid e Lisboa e das comunidades autónomas, volvéronse aplicar os mesmos criterios que no Programa Operativo 2014-2020 e admitíronse provincias como Lugo, Sevilla, Córdoba ou Valladolid, ademais de incluír todo Portugal menos a área metropolitana de Lisboa, algo que dende as entidades miñotas se considera “totalmente inxusto”.
Dende o AECT, a Deputación e a CIM Alto Minho decidiuse iniciar unha campaña de presión para reclamar que os fondos do POCTEP non se volvan deturpar e se destinen na súa maioría aos territorios a menos de 50 quilómetros da fronteira. Tamén se reclama que o AECT Rio Minho poida xestionar un Investimento Territorial Integrado (ITI) e incluso executar partidas concretas dos coñecidos como ‘small projects’, iniciativas directas de pequeno orzamento pero “fundamentais” para o territorio do Miño.
Para reclamar todo isto, ademais das alegacións xa presentadas nos trámites de audiencia públicos, as tres entidades solicitarán reunións con representantes dos gobernos centrais en Madrid e Lisboa, e incluso da Comisión Europea en Bruxelas. Benítez apuntou que o momento actual é chave para facer todas as reivindicacións posto que a fronteira sufriu dobremente pola pandemia. “O territorio transfronteirizo ten que ser preferente nos investimentos. Vimos de soportar o peche das fronteiras e é preciso un resarcimento que xa era necesario antes, pero que agora é fundamental polo dobre dano causado pola COVID”, apuntou.
Pola súa banda, a presidenta Carmela Silva apuntou que “temos potencialidade de crecemento e temos que loitar polos recursos para poñer proxectos en marcha. Europa ten claro que os fondos teñen que quedar na área de influencia das fronteiras, pero os gobernos non aceptan esa posición por presións das comunidades autónomas. Iso non é tolerable. Nós imos defender o territorio e iniciar unha batalla xusta”, salientou.