Pontevedra | O AECT Rio Minho asinou hoxe oficialmente en Lisboa a súa integración na Rede Ibérica de Entidades de Cooperación Transfronteiriza (REDCOT) creada polos gobernos de España e Portugal co obxectivo de articular e fortalecer a cooperación de entidades dun e outro lado da fronteira hispano-lusa.
O director do agrupamento e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez formalizou a adhesión ao novo organismo acompañado da presidenta da Deputación Carmela Silva nun acto presidido polas ministras de Política Territorial do Estado Español Isabel Rodríguez e a ministra de Coesão Territorial de Portugal Ana Abrounhosa. O nacionalista asegurou que a nova entidade supón un “paso histórico e simbólico” na posta en valor dos territorios fronteirizos e dá unha “primeira resposta” á demanda do agrupamento miñoto de dispoñer dunha estrutura estable para dialogar cos estados sobre as problemáticas e necesidades das fronteiras.
A REDCOT nace do acordo entre os gobernos español e portugués logo de que na Declaración Conxunta da XXXI Cimeira Hispano-Lusa celebrada en Garda se admitise a necesidade de fortalecer a cooperación transfronteiriza para resolver problemas específicos das rexións fronteirizas. Entre outros obxectivos búscase mellorar áreas como a saúde, asistencia sanitaria de emerxencia, movemento de persoas traballadoras transfronteirizas, protección civil, mobilidade e infraestruturas, despoboamento, investimento, transporte de mercadorías e apoio económico e social.
Entre outras cuestións, os dous gobernos subliñaron que para a creación desta rede dende valoraran o traballo desenvolvido polos Agrupamentos Europeos de Cooperación Territorial (AECT) existentes entre entidades españolas e portuguesas, que propuxeran promover unha rede informal de cooperación territorial, co fin de crear sinerxias, apoiar o intercambio de información, difundir boas prácticas e experiencias exitosas e promover unha maior coordinación e articulación.
O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, encargado de asinar oficialmente a adhesión do agrupamento miñoto á REDCOT, destacou neste sentido a súa satisfacción pola creación da rede. Segundo dixo, esta fora unha das cuestións principais que se plantexaran á ministra de Coesão Territorial na reunión de Pontevedra do pasado mes de outubro, “na que queriamos por enriba da mesa as fronteiras e as súas problemáticas, e para iso unha das demandas era que se creasen estruturas estables de diálogo”.
A creación da rede segundo Benítez é, de feito e en grande parte, froito do traballo inxente do AECT Rio Minho por poñer os focos na fronteira, nomeadamente durante o peche pola pandemia, cando se evidenciou que os estados “están lonxe aínda de entender o que funciona na sociedade fronteiriza de xeito natural”. Entón, lembrou o nacionalista, o AECT Rio Minho foi moi visible e reivindicativo para mellorar a situación da cidadanía fronteiriza.
“Para nós a REDCOT –dixo Benítez- é un paso importante. É novidoso e histórico porque por vez primeira os dous estados teñen a ben establecer unha rede de entidades transfronteirizas coas que establecer un diálogo e un debate sobre as políticas transfronteirizas. É a primeira vez que acontece e é positivo, pero estamos moi lonxe de que os estados consideren as fronteiras como territorios nos que centrar as súas políticas. Normalmente son territorios que funcionan como periferias das decisións políticas dos estados. É un paso simbólico importante , pero aínda temos moito camiño por diante”, subliñou.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación Carmela Silva amosou a súa satisfacción pola posta en marcha da Rede Ibérica de Entidades de Cooperación Transfronteiriza “que, estou segura, vai contribuír a seguir sumando sinerxías entre España e Portugal para relanzar este espazo europeo de convivencia cheo de futuro, oportunidades e prosperidade”.
“Compartimos -engadiu a presidenta- proxectos, preocupacións e necesidades e a Rede será unha ferramenta clave para avanzar no posicionamento estratéxico dun espazo transfronteirizo que ten demostrado ser xa unha verdadeira referencia en toda a Unión Europea”. Ademais do AECT Rio Minho, adheríronse á REDCOT a Eurocidade Tui-Valença, o AECT Galiza Norte de Portugal e o Eixo Atlántico xunto a outras entidades hispano-lusas.
A Eurocidade Tui-Valença tamén participa na REDCOT
A Eurocidade Tui-Valença asinará mañá en Lisboa o Acordo de Constitución da Rede España-Portugal de Cooperación Transfronteiriza. O alcalde, Enrique Cabaleiro, viaxará até a capital lusa para estar presente no acto de sinatura de dito Acordo, que foi concertado no pasado cumio luso-español.
A súa finalidade é reforzar a cooperación entre as rexións de fronteira, sobre todo en materias como asistencia sanitaria, mobilidade, traballadores transfronteirizos, infraestruturas ou protección civil. A través deste Acordo abordaranse as problemáticas existentes e a xestión e captación de recursos e fondos europeos para estas zonas limítrofes. A Eurocidade Tui-Valença será a única agrupación de municipios transfronteiriza en asinar este documento en Lisboa. O EURES Transfronteirizo Tui-Valença, tamén estará presente xunto a outras institucións como a AECT Rio Minho, a AECT Galiza-Norte Portugal e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, entre outras do resto da Península Ibérica.
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, destaca que este Acordo permitirá acceder a recursos e fondos europeos e artellar unha rede de instrumentos de cooperación transfronteiriza. O rexedor tamén apunta á relevancia que esta sinatura terá para a cidade tudense e a Eurocidade xa que gran parte das obras de equipamentos públicos e as humanizacións que se están a desenvolver arestora son posibles, en parte ou na súa totalidade, pola achega de fondos europeos.