Pontevedra | O AECT Rio Minho vai celebrar este sábado e o vindeiro día 24 de xuño o ‘Minho Wine Experience – Vive o Rio Minho’, unha experiencia que mistura deporte, turismo e enoloxía no territorio miñoto transfronteirizo. O proxecto de enocicloturismo inclúe dúas saídas de 80 quilómetros en bicicleta por concellos galegos e portugueses da raia que rematan con experiencias de degustación en adegas de viño locais.
Unhas 45 persoas ciclistas percorrerán en bicicleta por estrada cada sábado paisaxes naturais e históricas, pasando por varios concellos do Miño e de Galiza, atravesando as distintas pontes internacionais do Río Miño. Na primeira xornada a saída será dende o Museo da Ciencia e do Viño de Salvaterra, para despois seguir por Monçao, Valença, Tui, As Neves, Arbo, Melgaço, e volver ao Museo de Salvaterra. As paradas serán en Fillaboa e Soalheiro, tendo a ‘experiencia’ enolóxica (un menú degustación harmonizado con viños e a presenza de empresas produtoras portuguesas e galegas) en Salvaterra, da man de viños de Pazo do Pegullal e Soalheiro.
O día 24 de xuño a saída será no Club Ínsua de Moledo (Caminha) . Pasarase por Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, A Guarda e de novo por O Rosal ata volver a Caminha, con paradas en Terras Gauda e o AquaMuseu no Rio Minho. O almorzo ‘vínico’ será no Insua Clube. A duración de cada unha das rutas será de cinco horas aproximadamente e o programa é de balde, sendo necesaria a inscrición. A intención é que participen no proxecto ciclistas profesionais, figuras públicas que practican ciclismo, xornalistas e persoas con influencia ligados ao ciclismo ou mundo dos viños e calquera persoa que practique ciclismo de estrada. É preciso dispoñer de bicicleta propia.
Os programas do proxecto “Minho Wine Experience – Vive o Rio Minho” teñen o obxectivo de promocionar a comarca e todas as súas potencialidades de turismo activo, sustentable e natureza, ademais de promover a gastronomía e enoloxía transfronteiriza, seguindo o exemplo doutras propostas semellantes en territorios vinícolas de moitos países. Dentro da Península Ibérica destacan as de La Rioja, Catalunya, Andalucía e La Mancha, ademais da Ribeira do Douro en Portugal.
A iniciativa do percorriño e experiencia enociclista polo Río Miño está promovida pola AECT – Rio Minho, no ámbito do proxecto Vive Rio Minho, cofinanciado polo Programa Interreg V-A España Portugal.
“Depo en Ruta”
20.276 persoas de 374 asociacións da provincia desfrutarán este ano do programa “En Ruta coa Depo”. A iniciativa da Deputación de Pontevedra ofrece a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio a través de 33 rutas temáticas co fin de vivir un día único. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución e delas 300 serán financiadas ao 100% para achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.
Entre as rutas ofertadas este ano, as marítimas foron as que tiveron máis demanda. Entre elas destacan a ruta “Cultura mariñeira” que permite visitar O Mosteiro de Poio, a Illa de Tambo e Combarro (Poio); así como a que achega ás persoas á Illa da Toxa, o Museo da Salga do Grove e realiza un paseo en barco pola ría de Arousa con degustación de mexillóns; a que percorre as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo; a que leva ás e aos visitantes á Illa de Ons e á localidade mariñeira de Portonovo, ou a de San Simón, que visita tamén o Castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande en Redondela. En canto as asociacións e entidades participantes, 122 son da comarca de Vigo, 102 da de Pontevedra, 42 de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, 41 do Salnés, 31 de Condado-Paradanta, 18 do Morrazo e 16 do Baixo Miño.
A finalidade de “En ruta coa Depo” é fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia ao impulsar a igualdade de oportunidades para os colectivos con discapacidade, ofrecerlle alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da provincia e promover rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias das familias. O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús desde os puntos establecidos nos concellos, onde as persoas participantes estarán acompañadas por unha ou un guía de turismo; unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia, e un xantar.