Pontevedra | O profesor de Estudos Transfronteirizos da Universidade de Arizona, Francisco Lara-Valencia cualificou o AECT Río Miño como un exemplo de como se deben defender os territorios transfronteirizos a nivel global. Fíxoo na mesa redonda ‘O impacto da COVID-19 na fronteira España-Portugal’ celebrada onte dentro do proxecto ‘A reconfiguración das fronteiras no século XXI’, organizada polo Colegio da Frontera Norte de México con emisión online para todo o Pacífico, América central e España.
“O profesor de Estudos Transfronteirizos da Universidade de Arizona, Francisco Lara-Valencia cualificou o AECT Río Miño como un exemplo de como se deben defender os territorios transfronteirizos a nivel global”
Na xornada púxose sobre a mesa como a COVID pechou de maneira moi diferente as fronteiras de maneira global en todos os continentes, así como as particularidades en diferentes países, en concreto entre España e Portugal, pero tamén entre Estados Unidos, Canadá, México ou outros estados sudamericanos.
O exemplo do acontecido no Río Miño centrou boa parte dos discursos dos participantes -moderados polo coordinador do Observatorio de Gobernanza G3 da Universidade de Vigo Enrique Varela Álvarez-: o deputado e vicedirector do AECT Río Miño Uxío Benítez; o secretario xeral da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas Pablo Rivera Búa; o catedrático de Xeografía Política da Complutense de Madrid Heriberto Cairo; e o profesor da Escola de Estudos Transfronteirizos e integrante da Universidade de Arizona, Francisco Lara Valencia.
Este especialista subliñou que a probabilidade de peche total das fronteiras en estados e rexións é moito maior cando non existen antecedentes de cooperación transfronteiriza, polo que subliñou que a existencia de estruturas de gobernanza local e a actividade de organismos como o da AECT Rio Miño “son esenciais na xeración de esquemas innovativos para a xestión dos retos que xera, por exemplo, a propagación da COVID”.
Subliñou, de feito, que cando organismos como o AECT non están presentes “simplemente non hai concertación e a acción dos gobernos centrais é moito máis prominente na xestión fronteiriza”, poñendo de manifesto que o peche da fronteira no Río Miño, a pesares de ter sido moi daniño para o territorio miñoto, podería aínda ter causado máis consecuencias negativas de non contar cunha institución directa que defendera os intereses da zona.
Tamén o secretario xeral da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, Pablo Rivera, centrou a súa participación no seminario no acontecido na ‘raia’ do Miño. Subliñou que a zona viviu 174 días de fronteira pechada, “un dato que sobrecolle porque foi moi difícil explicar á poboación que os gobernos estatais non tivesen un protocolo de actuación para cidades xemelgas que viven de fronte e traballan conxuntamente” a pesares de estar en países diferentes.
Subliñou que nesta situación o AECT Rio Miño colleu as rendas das reivindicacións xuntando a todos os concellos e cámaras de ámbalas beiras da raia, mais que a consecuencia final foi que “a confianza entre as xentes galegas e portuguesas se viu deteriorada” pola acción dos seus gobernos centrais.
Pola súa parte, o vicedirector do AECT Río Miño fixo un percorrido por todo o acontecido na pandemia, as protestas e reivindicacións conxuntas dos 16 municipios que conforman o agrupamento europeo a pesares das moi diferentes cores políticas. Lembrou que a día de hoxe séguese a reclamar a posta en marcha dunha tarxeta transfronteiriza, que se teñan en conta os gobernos locais na toma de decisións por ser os máis próximos ao territorio; así como que se implementen liñas de apoio específicas polo impacto dobre que tivo a COVID nos territorios de fronteira, así como medidas urxentes de dinamización.