Mos | O pasado sábado dia 3 tivo lugar a clausura do Programa de Emprego para Vítimas de Violencia de xénero da Asociación de Empresarios de Mos, o acto tivo lugar ás 12.30 horas no Pazo de Mos.
Estiveron presentes a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, a alcaldesa Nidia Arévalo, a Concelleira de Igualdade e Política Social, Sara Cebreiro, o presidente de AEMOS, Manuel Castro así como representantes de entidades empresariais colaboradoras.
Esta é xa a quinta edición consecutiva deste proxecto, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, e precisamente nisto fixo fincapé Aemos, afirmando que “o bo deste programa é a súa continuidade, o que favorece unha atención sistémica e global no tempo, podendo lograr avances e éxitos a medio e longo prazo, pois na maior parte dos casos os primeiros avances lógranse en dous ou tres anos”.
“Esta é xa a quinta edición consecutiva deste proxecto, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia”
Nesta edición “Insere Activa 5”, que así é como se denomina o último dos programas de emprego desenvolvéronse accións formativas, sesións de atención persoal e itinerarios de inserción para as 34 usuarias.
Neste caso, trátouse dunha acción moi específica xa que foi dirixido a mulleres vítimas de violencia de xénero polo que ademais da consecución final de mellorar a súa empregabilidade co logro dun posto de traballo, a curto, medio ou longo prazo, traballáronse aspectos como a autoestima e a autonomía persoal, entendendo o emprego como un medio de recuperación e reincorporación á vida activa. Persoas con afán de superar situacións difíciles que aínda padecen as súas consecuencias e que requiren unha atención continua, especializada e integral.
“O resultado final resumido en cifras é que, a día de hoxe, 10 das 34 mulleres atópanse traballando”
O resultado final resumido en cifras é que, a día de hoxe, 10 das 34 mulleres atópanse traballando. Tanto desde Aemos, como desde o CIM de Mos (Centro de Información á Muller) están de acordo e afirman a importancia de fomentar a participación activa das mulleres vítimas de violencia, na mellora continua de habilidades e técnicas de procura de emprego. A súa inserción no mercado laboral favorece o seu progreso laboral e, en consecuencia, a súa realización persoal”.
Esta última edición iniciouse en outubro de 2020 e durante estes case 10 meses de traballo, Aemos levou a cabo un gran número de dinámicas e accións formativas, así como sesións de atención persoal ás 34 mulleres usuarias do programa.
No programa participaron directamente tres orientadores da organización, 16 docentes e varios colaboradores externos que favoreceron o desenvolvemento dos itinerarios de inserción propostos a cada unha das participantes. Ademais, incluíronse 19 cursos de formación, con máis de 1.000 horas lectivas.