A Coruña | O aeroporto de Alvedro contará, a partir do ano que vén e por primeira vez na súa historia, cun total de cinco conexións internacionais, con tres novos destinos (Ámsterdam, Milán e Xenebra), que se unen ás conexións xa operativas cos aeroportos de Londres-Gatwick e París-Orly. Amplíase, desta forma, a oferta aérea desde a cidade, amosando o compromiso do Goberno municipal de Inés Rey de potenciar o valor turístico da Coruña a través das súas infraestruturas clave.
O Concello, por medio do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, avaliou hoxe as ofertas recibidas no segundo concurso convocado para a promoción turística da cidade. A compañía Easyjet amosou o seu desexo de facerse cargo das tres novas rutas que unirán A Coruña con Ámsterdam (Países Baixos), Milán (Italia) e Xenebra (Suíza).
Na apertura do primeiro dos sobres con ofertas no concurso público, Easyjet foi a única empresa que optou a ese lote de destinos. Ao longo dos vindeiros días completarase o concurso e, se se cumpren todos os trámites, a aeroliña Easyjet operará todo o ano, a partir do mes de abril de 2023, con dúas frecuencias semanais.
Estas tres novas rutas internacionais son froito da licitación pública que o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña aprobou na súa xunta de goberno do pasado 22 de xullo, unha iniciativa orientada a impulsar a promoción turística da cidade e que contou cun investimento de 1,2 millóns de euros. Ademais, este lote dá continuidade á conexión con Menorca -xa aberta durante esta tempada estival con Volotea-, con vistas a que Alvedro conte co aeroporto de Maó entre os seus destinos no verán de 2023, con voos entre os meses de maio e setembro.
Trátase do segundo concurso público posto en marcha polo Goberno de Inés Rey para impulsar a promoción da Coruña noutras cidades españolas e europeas, así como o tráfico de pasaxeiras e pasaxeiros de turismo e de negocios, aumentando as liñas e as frecuencias coas que conta o aeroporto de Alvedro para atraer un maior número de visitantes á Coruña e ofrecerlle unha mellor oferta aérea á cidadanía.
A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor este incremento histórico da oferta de conexións internacionais desde Alvedro: “O Goberno municipal segue a traballar para converter A Coruña nun destino turístico de primeiro nivel mesmo a escala internacional. Coas tres novas conexións a Ámsterdam, Milán e Xenebra ofrécense máis alternativas para viaxar desde a cidade, pero tamén se reforza a apertura da cidade ao continente europeo con vistas á recepción de viaxeiras e viaxeiros.
Por exemplo, grazas á aposta pola organización de grandes eventos culturais e deportivos, e reafirmando a nosa estratexia de posicionamento no mercado MICE [o segmento turístico orientado a reunións e congresos]. Ademais, a alcaldesa lembrou que tamén por vez primeira un voo unirá directamente a cidade con Milán.
Reforzo internacional
Cos 1,2 millóns de euros investidos neste segundo concurso, sumados aos 9,7 millóns que supuxo o primeiro, o Concello investiu xa 10,9 millóns de euros na promoción da Coruña no exterior e de Alvedro. Froito do primeiro concurso, anunciado en outubro do ano pasado pola alcaldesa, Inés Rey, a terminal coruñesa conta actualmente con conexións nacionais directas e voos regulares que operan todo o ano cara a Madrid-Barajas (a través de Iberia e Air Europa); Barcelona-El Prat (Vueling); Valencia (Volotea); Bilbao (Volotea); Málaga (Volotea) e Gran Canaria (Binter Canarias); así como dúas rutas internacionais a Londres-Gatwick e París-Orly, que tamén funcionan todo o ano e con Vueling como operador. O executivo local seguirá a convocar concursos públicos para atraer novas rutas e mellorar a promoción da cidade sumando novas rutas as xa existentes.