A Marea agarda mais seriedade no PP despois das penas de prisión para exdirectivos das caixas

Santiago |  En Marea esixirá unha investigación rigorosa do proceso de venda das caixas galegas no seo da comisión que se constituirá o vindeiro luns no Parlamento de Galicia. “Agardamos que a resolución xudicial de onte faga tomar conciencia á clase política, igual que xa o fixo a propia sociedade galega, e que esta comisión se tome en serio o seu traballo, non poñendo vetos á comparecencia de persoas nin á presentación de documentos como fixeron na anterior lexislatura”, sinalou Luís Villares, que adiantou que En Marea denunciará este tipo de prácticas e loitará ata o final polo coñecemento da verdade e a depuración de responsabilidades políticas dos que “expoliaron os aforros galegos malvendendo unhas caisas que agora dan beneficios privados a unha multinacional”. O voceiro do grupo parlamentario tamén sinalou que “ver condenados os directivos das antigas caixas galegas é un sinal de tranquilidade para a sociedade, pois se miramos 10 ou 15 anos atrás pareceríanos imposible”.

 

Modelo de financiamento autonómico

Villares tamén se referiu á Conferencia de Presidentes autonómicos que negocia o modelo de financiamento autonómico. Na Xunta de Portavoces os tres grupos da oposición acordaron pedir a comparecencia de Núñez Feijóo “pois en ningún momento nin o PP nin o goberno galego se dirirxiron a nós para pactar un posicionamento de país, limitándose a facer un brinde ó sol diante dos medios de comunicación”. Para En Marea tamén é grave que o partido que goberna a Xunta non expoña o seu posicionamento nin as liñas vermellas en materia de financiamento autonómico, o que para Villares é “unha mostra da obediencia debida de Feijóo, ó goberno de Madrid, igual que fixo coa transferencia da AP9”. A alternativa é un modelo confederal , onde se discuta en pé de igualdade cal é o sitema máis xusto e que no canto de paliar a míngua constante de Galicia, permita darlle unha solución. “Necesitamos que a autonomía de Galicia dispoña tamén de autonomía económica para evitar a perda de poboación, no canto de corrixila despois pola vía da solidariedade”, apelou Villares.

Iniciativas de En Marea

Un plan para a prevención da violencia machista nas escolas e a garantía asistencial do tratamento da Hepatite C figuran entre as iniciativas de En Marea para o vindeiro pleno parlamentario, ó que tamén levará iniciativas sobre as cláusulas chan e o sector lácteo, ademais dunha moción sobre a situación asistencial da sanidade en Ourense logo do colapso das últimas semanas.

As preguntas ó Goberno versarán sobre a situación do mercado laboral, a especulación cos terreos da Solaina por parte do porto da Coruña e a deslocalización de empresas do sector do automóbil, que está causando graves prexuízos económicos nomeadamente na área de Vigo.

A pregunta ó Presidente será sobre os motivos do Goberno galego para reducir e desviar fondos destinados a axudar a familias en risco de pobreza para o pago do alugueiro (Programa Aluga) e os suministros enerxéticos (tiquet eléctrico).