Agardando a Trump.

Hai unha carreira contra reloxo na política internacional que leva como data chave o vindeiro 20 de xaneiro de 2025. Ese día asumirá Donald Trump por segunda vez a presidencia dos EEUU ata 2029. Cun poder practicamente absoluto tras gañar os votos electoral e popular, mantendo a maioría e o control das dúas Cámaras, a de Representantes e o Senado (o cal a priori evitaría calquera perspectiva de bloqueo lexislativo e político) e un poder xudicial neutralizado (vén de desestimar dúas demandas na súa contra), os principais actores a nivel global comezan a posicionarse ante este novo período na Casa Branca cun Trump visiblemente reforzado.

Trump xa comezou a deseñar as sinais de identidade do seu próximo goberno, que por certo non eran ningún segredo: aranceis comerciais do 25% contra Canadá e México e do 15% contra China. O proteccionismo económico será unha baza estratéxica de Trump abrindo a veda dunha guerra comercial, especialmente con Beijing.

Europa está á expectativa, tan desconcertada como inerte particularmente ante o que poda suceder cos compromisos “atlantistas” vía OTAN de Trump e o futuro dunha guerra en Ucraína que aumenta en intensidade tralos recentes ataques con mísiles de mediana e longa distancia por parte de Washington e Moscova. E non falemos do escenario político en países motor da UE como Alemaña, cuxa caída do tripartito en mans do socialdemócrata Olaf Schölz anuncia eleccións anticipadas para febreiro de 2025, coa perspectiva dun posible viraxe político cara unha eventual reconfiguración de forzas entre a dereita (CDU) e a ultradereita de Alternativa por Alemaña (AfD), considerado un aliado do Kremlin.

“Europa está á expectativa, tan desconcertada ante o que poda suceder cos compromisos  vía OTAN de Trump e o futuro da guerra en Ucraína”

Toda vez o “europeísmo” obtivo unha pírrica vitoria nas recentes eleccións presidenciais en Moldavia, o pasado 24 de novembro foi a quenda da veciña Romanía onde a sorpresa saltou coa vitoria dun “outsider”, Calin Georgescu, acusado dende Occidente de ser presuntamente “prorruso e antisemita”. Un candidato que non tiña nin o 5% da intención de voto. Georgescu gañou co 21% dos votos e deberá agora disputar a segunda volta o 8 de decembro contra a xornalista de centrodereita Elena Lasconi, a presumible candidata do establishment europeísta e “atlantista” que ve a Romanía como un aliado clave na contorna do Mar Negro e de Europa Oriental.

As acusacións de interferencia rusa non se fixeron esperar tras esta inesperada vitoria electoral de Georgescu. Pero esas interferencias, identificada vía redes sociais (campaña electoral do candidato en TikTok) e desinformación, realmente terminaron sendo tan decisivas para a inesperada vitoria de Goergescu?

Cambiando de contorna xeográfica, un aliado irrestrito de Trump (pero tamén de Biden) como o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, foi obxecto de orde de captura por parte da Corte Penal Internacional (CPI) acusado de xenocidio en Gaza contra a poboación palestina. Se descoñece se este anuncio afectará políticamente a Netanyahu pero é un síntoma de que as guerras que Israel ten lanzado en Oriente Próximo desde outubro de 2023, en Gaza e Líbano e confrontación inicialmente híbrida pero cada vez máis directa contra Irán aparentemente non están cumprindo estritamente cos obxectivos trazados polo establishment militar e político israelí. Aínda que descabezados nos seus respectivos liderados por mor dos ataques “quirúrxicos” israelíes,  Hamás e Hizbulá seguen en pe sen dar síntomas de desintegración.

Tras destituír ao ministro de Defensa Yoav Gallant por “unha crise de confianza”, Netanyahu anunciou este 26 de novembro unha tregua co movemento islamita libanés Hizbulá, toda vez a guerra en cámara lenta con Irán entra na fase de estancamento. No plano interno, o goberno israelí anunciou medidas contra o diario Haaretz, moi crítico contra Netanyahu.

“A tregua de Netanyahu co Hizbulá revela que os obxectivos militares israelíes en Gaza e Líbano non se están cumprindo tan favorablemente para os seus intereses”

Quedan Putin e Xi Jinping, o eixe euroasiático que tralo cumio dos BRICS en outubro pasado en Kazán tenta trazar unha nova arquitectura de poder global menos hexemónica para Washington.

O Kremlin vixía de cerca cales son as intencións de Trump en Ucraína. Para complicar o asunto, Biden autorizou ao cada vez mais insignificante presidente ucraíno Volodymir Zelenski o uso de misiles ATACMS contra territorio ruso. A resposta de Moscova non se fixo agardar: inauguraron o lanzamento dos seus propios mísiles hipersónicos de longo alcance Oreshnik contra posicións en Ucraína. Por outra banda, dende Moldavia ata o Cáucaso, Putin volve a reconstruír os seus intereses e alianzas dentro das esferas de influencia rusas, buscando afastar a Occidente destes escenarios.

Mentres, os mass media occidentais repiten ata a saciedade a presunta presenza de 10.000 soldados norcoreanos na rexión de Kursk como posible aliciente para facer de Ucraína unha guerra global que sirva de antesala ao regreso de Trump á Casa Branca e que implique, ó mesmo tempo, atar compromisos estratéxicos para o vindeiro goberno estadounidense vía lobbies militaristas.

Por último, e como fixera en maio pasado en Europa, Xi realizou unha estratéxica xira por América Latina co cumio dos COP25 en Brasil como epicentro. O interese é tantear os equilibrios políticos nunha rexión de escaso interese para Trump salvo pola presenza económica chinesa, sen desestimar a de Rusia e Irán. A recente aprobación en Washington da Lei Bolívar concibida para illar aínda mais ao réxime de Nicolás Maduro en Venezuela, evitando calquera tipo de transacción especialmente petroleira, e a certificación do cubano-estadounidense Marco Rubio como vindeiro Secretario de Estado da Administración Trump son medidas que apuntan claramente contra os aliados hemisféricos de China e Rusia, particularmente Venezuela, Cuba e Nicaragua, e que tamén se amplían cara os intereses continentales de Irán e do Hizbulá.

“O regreso de Trump trastoca as pezas e os equilibrios xeopolíticos a nivel global”

En definitiva, o regreso de Trump trastoca as pezas e os equilibrios xeopolíticos a nivel global facendo do final deste 2024 unha carreira contra reloxo para reposicionar os intereses dos principais actores da política internacional. Un escenario inquietante para este mundo que, como Trump, afírmase tan volátil como impredicible.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.