Nunca pensei de chegar a onde chegamos a este estado e situación das cousas que nos acontecen. Estamos gobernados, no mundo enteiro, sobre todo nas grandes potencias que deberan ser exemplo, por xentes nas que habita a malignidade, xente cun malestar gástrico-emocional que resolven a paus e por unha orde social opresora que conspira constantemente abandeirada na forza e violencia, a crueldade. Semellan tolos nesa sintomatoloxía de trastornos que derivan en ausencia de coñecementos e que escapan polas orellas e outros orificios para facerse co poder. Fanse con el a base de extorsións e compras, subornos que nin sequera agachan, non teñen pudor nin vergoña, como triunfo daquelas cavernas máis escuras do ser humano onde todo ten un prezo, todo se contabiliza sibilinamente. E senón, fano a base das escaramuzas en forma de ameaza, de escándalos, de roubos e mentiras, de trampas, usurpacións, prexuízos e menoscabo, condicionantes que nos arrincan imposible sentido común, que quizais non exista, deshumanizándonos.
Non sei se todos notan, xa nos seus ollos, esa mirada perversa e chea de ímpetos invasores, asaltos e arrebatos violentos que expresan en palabras e son coreados por miles e millóns de persoas que, aínda sendo afectados, comulgan coas rodas dos muíños e, faltos de orientación, sorrín a cámara.
Detrás dos ollos tamén se percibe ese carácter amurallado, deforme e irregular carácter impulsivo, desafiante. Si, ese que coacciona e intimida, que advirte antes de facer calquera ademán misericorde. Regresamos moito atrás. Habitan o mal, esa tolemia de odio e morte, de xenreiras e forza invasora que lle dan tanto sentido á malignidade, a esa limitación perversa que manipula e articula danos, danos directos e colaterais.
Pero isto xa pasou máis veces, son os mesmos. Falan de aversión, antipatía, rabia, rancor, repulsión, zuna, resentimentos, vinganzas, anoxos, desprezos, violacións, represalias, castigos, atropelos, profanacións, transgresións, etc. Rin da xustiza e están envoltos en múltiples delitos dos que se senten impunes, ameazando xuíces e corpos de seguridade. Carecen dalgunha virtude e se a teñen non se lles sabe por ningures. Forzan a convivencia ata extremos impensados e pregoan a guerra, a forza e as armas, vulnerando calquera acordo e comezan polos máis vulnerables., aos que son quen, ata aí chegan, de convencer para que os voten. Recréanse nas fames alleas e nas desgrazas dos demais. Rouban con descaro aquilo que pasará a ser do seu interese e beneficio, cando un día era público.
Ata aquí chegamos da man destes seres, amos do mundo, que a partir de agora farán das súas, rompendo a paz, os equilibrios tan difíciles nos que se debe axustar en proporción ás posibilidades. Son psicópatas capaces de queimar o mundo, empregan os medios para arruinar e sacar tallada. Son narcisistas, míranse no espello e namoran. Ególatras e presuntuosos que non socorren a ninguén, e despois remátano. O mal en forma de calamidade e de castigo, de catástrofe e sinistro, de epidemias e pragas, de bágoas en sufrimento. Non pararán sequera as súas calumnias, nin os desexos de seguir a facer canteira tóxica. Serán os grandes monstros da historia, miserables na preguiza ética e moral, intelectual, mentireiros e consumidores dos vicios en forma de uso e abuso, linchadores dos pequenos grupos que pretenden sobrevivir ao caos.
“Ata aquí chegamos da man destes seres, amos do mundo, que a partir de agora farán das súas, rompendo a paz”
Están metidos en todos os lados, tamén no medio dos contrarios. Fan o dano con furia, sen razoar nin atender razóns. Queren executar dándolle a un botón e creando guerras atroces. Son agresores expertos en todo tipo de violencias, tamén as de xénero. Son racistas e de estrago social. Son xente que no fondo poden ter algún trauma, algunha frustración que os leva ao máis horrible, a ese instinto acosador que nos envilece a todos, que nos fai descender a cotas nunca previstas. Teñen moitos votantes e corifeos, xentes que se desorientaron e que se pregan ao poder que máis lles convén. Anque, unha vez no poder, irán na súa contra ata aniquilalos. Chegamos así cegados, na falta de conciencia e de consciencia, a este lugar onde nos trouxo a violencia respirada no ambiente tanto tempo, vulgarizada en imaxes que alentan o exercicio do mal, a práctica desta mentira continuada, a profanación de dereitos, a servidume e indiferenza que son cancros sociais da humanidade.