E agora que nos espera?.

Editorial.

Cada vez que me poño diante dunha páxina en branco do meu ordenador para escribir un editorial para os xornais acósame sempre a mesma dúbida, de que coño podo falar eu para que os lectores disfruten e non sufran máis do que o están facendo?

Porque se miramos ao noso redor apenas hai cousas que poidan alegrarnos.

Se miramos para os nosos políticos cada día dannos un susto coas decisións que toman e que nós imos padecer: recortes nos servizos mínimos que temos dereito desfrutar, novos impostos que non sabemos a onda van parar; leis que sempre benefician aos poderosos, etc. Se miramos para os nosos veciños e compatriotas a desolación é total: miles de familias sen teito e sen un bocado que levarse á boca, mozos e mozas perdidos por esas rúas abandonadas non se sabe ben se bébedos ou drogados, aos que ninguén presta atención; familias que teñen por teito as pontes, cando non o ceo aberto; comedores sociais ateigados de seres humanos que buscan un cacho de pan e algo quente, etc.

A televisión, ese “gran hermano” que dirixe as nosas vidas mostrándonos aos dirixentes desta pel de touro pelexando entre eles sen ser quen de sentarse a falar como seres civilizados e buscar solucións para tanta desgraza, tanta miseria. O deles é a alta politica. O deles é definir quen é o “macho alfa”; quen ten a exclusiva de mandar, ordenar e xulgar todo o que ocorra tellas abaixo deste noso tellado de cristal.

O presidente da Federación Española de municipios e provincias, un socialista que presume de tal, vai renderlle pleitesía ao Rey pedíndolle amparo diante do Goberno (xa se sabe que o Rei reina pero non goberna). Ú-la coherencia dun socialista de xeonllos diante da monarquía?

O goberno tampouco goberna. O “asunto Cataluña” tenlle absorvido os sesos e non fan outra cousa que preparar escritos para atacar ao mínimo fallo que os soberanistas teñan. A súa marca blanca estalles saíndo rá. As esquisas está a volvelos tolos. Xa se cren o embigo do País e fanse de rogar. Rajoy quere levalos “al huerto catalán” pero eles dinlle que laranxas de la China. Arrimadas non se deixa arrimar. O deles é esperar sentados á porta para ver pasar o cadavre do PP camiño do xulgado.

O noso Presidente galego cabreouse porque Montoro quere facerlle un agasallo en forma de quita ás Comunidades que teñen unha débeda soberana moi avultada. Feijóo comproba como a súa política de austeridade en Galicia só conseguiu que o País galego estea na rúa protestando polo deterioro da sanidade, polo ensino, pola administración de xustiza. El que aparecía coma o tapado de Rajoy comproba como Madrid ten outras mozas coas que danzar neste baile de trileros. El que aumentou a débeda galega en máis de 7.400 millóns de euros nos últimos nove anos pedindo cartos aos bancos e non utilizando os mecanismos de financiación que o Estado facilitou as CCAA, comproba agora que Galicia terá que pagar centos de millóns en xuros pola súa mala xestión económica. O máis fodido desta situación é que aparece nos medios coma un importante administrador público cando a realidade é outra: a débeda de Galicia só pode refinanciarse e aumentar o tempo en que seguiremos endebedados.

Tamén sabemos que España ten 250.000 políticos. Un por cada 185 habitantes; Alemaña, que nos duplica en poboación, ten 100 mil; un por cada 800 habitantes. Quen lle pon o cascabel ao gato para eliminar tanto cargo público? Soamente cunha seria agrupación de concellos de menos de 5000 habitantes ( que temos miles deles) e a desaparición das Deputacións xa nos aforrabamos milleiros de políticos e millóns de euros de gastos públicos:soldos de presidentes, alcaldes, concelleiros, dietas por plenos, comisións, etc.

Os xulgados paralizados, os sanitarios a punto de sair á rúa, os traballadores en precario berrando na rúa soldos dignos para chegar a fin de mes; e o Goberno do Estado laméndose as súas propias feridas; tapando a cara diante de cada xuízo por corrupción dos seus.

Diante deste panorama, de que coño queren que escribamos?. A pluma, o teclado, sempre se nos vai para o mesmo lado. Isto ten que rematar, isto non pode seguir así por moito tempo.

A que están esperando os políticos? Talvez a outro 15M? Penso que se isto ocorre os resultados non van a ser “tan democráticos”. Os cidadáns xa se decataron que sendo obedientes, boas persoas, respectuosos, deixándose engatusar polo sistema, etc. nada cambiaba. O sistema engole todo o que se lle poña por diante. Solución: cambiemos o sistema ou o sistema acaba connosco.

Claro que para esta obra faise preciso dispoñer dun recambio. Non imos “saír de guatemala para entrar en guatepeor”. E aquí é onde reside o problema real. Ú-las forzas políticas dispostas (agora sí) a unha verdadeira “revolución social”. Ú-los partidos políticos que leven nos seus programas un cambio profundo do sistema que padecemos?

Aquí xorde de novo a pregunta, quen manda realmente? Teñen as forzas políticas capacidade de romper as liñas vermellas que lle marcan iso que chaman mercados, trus financieiros, lobys económicos, etc.? Esa é a nai do año.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»