Ourense | Agora Ourense pide por segunda vez a dimisión de Gonzalo Pérez Jácome, dous días despois de que se coñeceran os audios nos que o rexedor intentou que dous funcionarios asumiran a responsabilidade dunha infracción de tráfico.
Desta volta, o candidato da coalición da esquerda transformadora na cidade, Toño Naval, insiste en que Jácome debe “abandonar a Alcaldía inmediatamente” polos novos audios “gravísimos” que constatan que o rexedor xestionaba unha Caixa B.
Para Naval, os feitos demostran que Jácome representa “o peor da política de sempre, a corrupción e as mordidas”. Para o candidato, estas revelacións serían o “broche de ouro para catros anos de mandato onde as guerras internas en DO e a súa erratica relación co PP marcaron o período máis caótico que se recorda na cidade”.
Dende Agora Ourense destacan, ademais, que “Baltar xa sacrificou unha vez a cidade para permanecer na Deputación, e os números din que seguirán necesitando a Jácome”. Polo tanto, “un goberno de coalición progresista é a única solución para acabar cas tres Cs: Corrupción, caciquismo e caos”, argumentan dende a formación.