Santiago de Compostela | Segundo informa a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), no ano 2023 a Consellaría de Sanidade gastou máis de 37 millóns de euros, en pagar ás multinacionais polo mantemento de equipos tecnolóxicos durante catro anos:
· Siemens Healthcare recibiu 14,8 millóns por 50 aparatos.
· Philips Ibérica recibiu 13,3 millóns de euros por outros 50 equipos.
· General Electric Healthcare recibiu 9,4 millóns de euros por mais de trinta aparatos.
O pasado mércores 6 de agosto o novo Conselleiro de Sanidade aprobou a contratación do servizo de mantemento de 17 equipos de aceleradores de radioterapia e equipos de braquiterapia da empresa Varian por 18 millóns de euros en cinco anos.
Chama a atención que o Conselleiro (xefe do servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela) fose entre 2021 e 2023 presidente dá Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica cuxo último Congreso foi financiado en parte por Varian como empresa colaboradora de categoría oro (nun claro conflito de intereses).
O custo total destas privatizacións alcanzan os 55 millóns de euros. Ao externalizar esta función, son as propias empresas multinacionais fabricantes, as que deciden os aparellos que debe comprar o SERGAS e avalían o seu estado e funcionamento (é dicir “poñer ao lobo para vixiar aos cordeiros”).
A externalización (privatización) deste servizo presenta numerosos problemas:
• As empresas contratadas non sempre prestan os servizos dacordo cas necesidades do sistema sanitario público senón do seu negocio particular.
• Grazas a estes contratos, as multinacionais teñen acceso a información confidencial sobre as tecnoloxías e funcionamento do Sistema Sanitario Público.
• O SERGAS perde o control dos equipos tecnolóxicos e incrementa a súa dependencia das empresas que os fabrican. As multinacionais pasan así a formar parte da organización e xeran unha relación difícil de romper (especialmente se a compañía contratada é a única que ten coñecemento ou experiencia nesa área).
• Ponse en mans de proveedores privados, as competencias estratéxicas que dificultan a función do SERGAS como financiador que debería controlar os servizos externalizados e evitar que fagan trampas (é dabondo coñecida a corrupción na asignación e control dos recursos sanitarios).
• Dado que o cambio tecnolóxico é moi acelerado, situar fóra da organización esta competencia, supón perder a capacidade para controlar ás empresas ás que compra os aparatos tecnolóxicos.
En resumo: o SERGAS destina outros 55 millóns de euros a empresas privadas para que realicen unha función que podería realizar a seu propio persoal (convenientemente formado) a uns custos moito máis baixos e renuncia a un sistema sanitario público intelixente. Con ese gasto poderíanse construír 8 novos centros de saúde.